A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou na actividade que tivo lugar no Edificio Miralles

Primavera Xove achega aos universitarios vigueses a ciencia na vida cotiá cunha conferencia de Deborah García e Jorge Mira

Tamén se celebrou un coloquio sobre redes sociais e internet na Universidade de Santiago, outro sobre competencias e habilidades na Coruña e unha charla sobre emprendemento innovador en Ourense

Vigo, 19 de maio de 2021

O programa Primavera Xove da Xunta de Galicia continúa a programación dirixida aos universitarios galegos cunha conferencia na Universidade de Vigo. Así, o Edificio Miralles acolleu no día de hoxe unha charla sobre a importancia da ciencia na vida cotiá que contou coa participación dos divulgadores científicos e investigadores Deborah García e Jorge Mira.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou nesta actividade de Primavera Xove, un programa posto en marcha por primeira vez este ano que busca garantir que a xuventude manteña un ocio seguro ao tempo que segue desfrutando de foros formativos, espazos de entretemento e coñecen espazos da xeografía galega.

Outras actividades

Ademais desta charla na Universidade de Vigo, tamén se celebrou un coloquio centrado nas redes sociais e en internet na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela; outro sobre competencias e habilidades na Sede da Once na Coruña; e unha actividade sobre emprendemento innovador na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Ourense

Para máis información sobre a programación da iniciativa Primavera Xove: http://xuventude.xunta.es/primavera-xove