A Xunta destaca o Abanca Pantín Classic Galicia Pro como referencia de eventos deportivos de ámbito internacional en un entorno seguro

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou na presentación da edición de 2021 desta competición de surf a súa importancia para dar a coñecer Galicia e a comarca de Ferrolterra como destino turístico noutros países

No contexto da crise sanitaria o evento exercerá como motor de impulso para a reactivación e xeración de riqueza no noroeste galego

Madrid, 19 de maio de 2020

O Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2021, considerado o evento de surf máis importante de España e o cuarto máis lonxevo a nivel mundial, celebrarase do 26 de xuño ao 4 de xullo na praia de Pantín de Valdoviño, nunha edición que pretende situar a Galicia como referencia a nivel internacional de competicións deportivas de primeiro nivel que se desenvolven nun entorno seguro. Como asegurou hoxe o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, na presentación deste evento na Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid, Galicia é un destino seguro tamén en todo o que ten que ver co turismo activo e deportivo.

Na súa intervención no acto celebrado no stand de Galicia, resaltou que precisamente xa na edición de 2020, grazas ao traballo da organización por parte do Club Praia de Pantín e das administracións, foi posible celebrar o evento pese á pandemia con tódalas medidas de prevención ante a covid-19 e coas máximas garantías, polo que asegura que neste ano volverá a supoñer un motor de impulso para a reactivación e xeración de riqueza no noroeste galego.

A Xunta aposta precisamente pola vinculación entre o deporte como polo de atracción turística debido ao seu efecto, tanto pola concentración de máis de 200 profesionais do surf de máis de 31 nacionalidades, como pola oportunidade que supón para dar a coñecer o turismo galego e da comarca de Ferrolterra no exterior debido ao seu impacto mediático. Deste xeito, engadiu que cando a situación sanitaria o permita, os viaxeiros poderán desfrutar en Galicia dun destino seguro e dun turismo tranquilo e sen masificacións en espazos abertos e en contacto coa natureza.

O noso reto é seguir reforzando a imaxe de que Galicia é un destino seguro. Coa posta en marcha do seguro coronavirus, que conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros, o obxectivo é que os viaxeiros que se acheguen á nosa comunidade se sintan seguros coa cobertura dos seus gastos sanitarios, de aloxamento ou transporte ante un posible contaxio.

O seguro coronavirus, busca tamén a recuperación do sector turístico e súa posta en marcha é tamén unha medida de apoio ás axencias de viaxes e ás empresas do sector, que poderán ofertar Galicia como destino seguro aos seus clientes.

Ademais, a Xunta ten en marcha iniciativas de fomento do consumo interno como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que tivo unha gran acollida ao esgotarse as tarxetas en só 12 horas, xunto coa reactivación do programa Elixe Galicia. Entre ambas iniciativas a Xunta prevé inxectar 10 millóns de euros no sector turístico para axudarlle na súa reactivación.

Imaxes relacionadas