A presidenta de Portos de Galicia respondeu a dúas preguntas na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo

A Xunta ratifica o seu compromiso coa creación dun porto mixto en Corcubión

Susana Lenguas informou tamén dos proxectos que o ente público ten en fase final de redacción para os peiraos de Viveiro e que supoñen un investimento de 1,2 millóns de euros

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2021

A Consellería do Mar mantén o seu compromiso coa creación dun porto mixto para pesca de baixura e náutica de recreo no municipio coruñés de Corcubión. Así o ratificou esta mañá a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, na resposta a unha pregunta na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia.

Susana Lenguas lembrou que Portos de Galicia vén de adxudicar o contrato para a redacción do proxecto desta actuación, que conta cun orzamento de 130.000 euros. Este contrato abrangue o deseño da solución técnica para a mellora do abrigo e a dotación de amarres para a flota pesqueira e náutica, estudando distintas solucións construtivas (diques de coieira, verticais, aboiantes ou pantallas). Tamén abordará en profundidade os aspectos ambientais da actuación prestando especial atención ás posibles afectacións aos recursos mariños e á dinámica litoral.

“A día de hoxe, Portos de Galicia segue a traballar na solución técnica e ambientalmente sostible que permita mellorar o abrigo no porto de Corcubión a través da construción dunha nova dársena abrigada que albergue as instalacións de atracada”, subliñou. Neste sentido, lembrou que o proxecto construtivo “é o último paso de toda unha serie de documentos a consensuar con outros organismos e administracións públicas potencialmente afectados pola execución das obras”.

Investimentos en Celeiro

Na mesma Comisión, a presidenta do ente público contestou tamén a unha pregunta relativa aos investimentos realizados por Portos de Galicia nos peiraos do municipio lucense de Viveiro. A este respecto, Susana Lenguas lembrou que o seu departamento investiu máis de 1,5 millóns de euros en melloras portuarias en Viveiro nos últimos meses. Entre estas destacou a dragaxe da dársena pesqueira, deportiva e a canle de acceso ao porto, as melloras na nave de redes de cerco e o derrubamento dos galpóns no peirao vello, dando lugar a unha zona de aparcadoiro público.

Ademais, avanzou que de cara ao futuro Portos de Galicia ten proxectadas actuacións por importe doutros 1,1 millóns de euros. O ente público está a traballar nos proxectos de ampliación de prazas de amarre para o sector profesional, o acondicionamento da nave de redes do peirao norte e o cambio da cuberta do edificio náutico-pesqueiro do porto. Tamén está previsto a medio prazo o reforzo do dique de abrigo, cuxo proxecto vén de ser adxudicado.