A Xunta apoia con 1,7M€ un proxecto de fábrica intelixente de Ferroatlántica para mellorar a sustentabilidade das baterías de ion-litio

O proxecto busca mellorar a densidade enerxética, o custo e a sustentabilidade das baterías de ion-litio afondando en novos sistemas de fabricación de materiais e en procesos de produción máis eficientes

Nesta iniciativa participan, ademais, ABCRLabs, Enso Innovation, Ártabro Tech e o Centro Tecnolóxico de Investigación Multusectorial (Cetim), e conta cun investimento de 2,7M€ aos que a Xunta achega máis do 60 por cento

Conde subliña que o Grupo Ferroglobe está apostando pola investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, e “polo futuro industrial da fábrica de Sabón” para que sexa “un referente” dentro do grupo
 

Arteixo (A Coruña), 19 maio de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe o proxecto que está a desenvolver Ferroatlántica, centrado nas baterías de ion-litio, e que a Xunta apoia con 1,7 millóns de euros no marco do programa Fábrica Intelixente. Segundo dixo, é unha proba máis de que o desenvolvemento industrial en Galicia pivota sobre o binomio da dixitalización e a sustentabilidade.

Nunha visita ás instalacións da factoría no polígono de Sabón, en Arteixo (A Coruña), Conde referiuse ao esforzo que está a facer a industria galega por ser máis sustentable coa axuda da I+D+i, porque para acadar unha transición ecolóxica xusta necesariamente hai que levar adiante unha transformación dixital. Nese sentido, precisou que o proxecto de Ferroatlántica busca mellorar a densidade enerxética, o custo e a sustentabilidade das baterías de ion-litio afondando en novos sistemas de fabricación de materiais e en procesos de produción máis eficientes.

Esta iniciativa, na que participan, ademais, ABCRLabs, Enso Innovation, Ártabro Tech e o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim), conta cun investimento de 2,7 millóns de euros aos que a Xunta achega máis do 60 por cento a través do programa Fábrica Intelixente. Na súa cuarta edición, este programa da Axencia Galega de Innovación (Gain) ampliou o seu orzamento nun 40 por cento, ata os 21 millóns de euros, para apoiar nove proxectos onde empresas e organismos de investigación colaboran para avanzar no campo da dixitalización industrial.

O programa Fábrica Intelixente apoiou, ata o de agora, o desenvolvemento de 24 proxectos con axudas por case 73 millóns, cun investimento público-privado de máis de 272 millóns de euros e con 68 empresas e centros de investigación públicos e privados beneficiados.

Sobre o proxecto concreto de Ferroatlántica, Conde subliñou que se trata dunha iniciativa moi importante na que traballa o Grupo Ferroglobe, “que está apostando pola investigación e o desenvolvemento tecnolóxico, pola innovación e polo futuro industrial da fábrica de Sabón” para que sexa “un referente” dentro do grupo.