A Xunta aprobará o Plan reitor do Parque Natural de Corrubedo este mesmo mes

Ángeles Vázquez avanza esta ferramenta de usos e ordenación deu o último paso para a aprobación definitiva polo Goberno galego, antes da súa entrada en vigor

Salienta que este instrumento, que conta co respaldo da xunta reitora do parque, incorpora total ou parcialmente máis do 90% das alegacións presentadas durante o período de consulta pública
 

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2021

A Xunta de Galicia aprobará este mesmo mes o Plan reitor de usos e xestión (PRUX) do complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán. Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, despois da reunión do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Cogamads).

Este organismo de consulta informou favorablemente este documento, polo que así culmina a tramitación necesaria para elevalo ao Consello da Xunta e que sexa aprobado definitivamente polo Goberno galego antes da súa entrada en vigor.

A conselleira lembrou o traballo feito previamente ata chegar a este respaldo por parte do Cogamads, que incluíu o visto e prace da xunta reitora do parque natural e, unha vez superado este trámite, o sometemento a consulta pública, período no que se presentaron alegacións. Segundo salientou, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural aceptou total ou parcialmente un 92% das achegas recibidas.

Vázquez Mejuto sinalou que na actualidade o parque natural, cunha superficie de preto de 1.000 hectáreas, se regula por un Plan de ordenación de recursos naturais (PORN) e que a Lei de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia sinala que os parques e reservas naturais deberán regularse cun plan reitor e fixar medidas de xestión necesarias para compatibilizalos coa conservación destes espazos.

Así, o principal obxectivo que fixa o novo PRUX para o complexo dunar é xerar e reforzar canles para o fomento do coñecemento científico e a divulgación, así como regular as actividades de uso público, os aproveitamentos e calquera outro uso.

Ademais, nese sentido, facilitar o uso respectuoso e regulado do medio, sobre todo por parte de quen leva anos no mesmo e coñece con exactitude os valores ambientais e naturais a protexer, ao tempo que se permiten as actividades sociais e económicas.

Por outra banda, a conselleira sinalou que o ámbito está dividido en tres: a zona I ou de uso limitado (573 ha), que comprender áreas con valores naturais excepcionais que requiren dunha maior protección, diferenciando entre zona litoral e zona de lagoas e marismas; a zona II ou de uso compatible (369 ha), con áreas que albergan hábitats prioritarios ou de interese comunitario, ou de interese para a conservación, incluíndo espazos moi demandados polo uso público, como a praia; e a zona III ou de uso xeral, que inclúe os terreos desnaturalizados pola actividade humana ou nos que se xera unha actividade antrópica elevada, como parcelas urbanas, equipamentos e infraestruturas de uso público.

Por último, Ángeles Vázquez destacou que Corrubedo se sumará deste xeito á listaxe de parques galegos que contan cun PRUX, pois o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e os parques naturais de Monte Aloia, Serra da Enciña da Lastra e O Invernadoiro xa contan con este instrumento de protección. Ademais, engadiu xa se está a traballar nos do Xurés e Fragas do Eume.
 

Imaxes relacionadas