O titular do Goberno galego presidiu a presentación de Turismo de Galicia en Fitur 2021: Xacobeo 2021-2022. Camiña a Galicia

Feijóo sinala que Galicia “xa está preparada” para ser protagonista no Xacobeo 21-22 dun destino seguro e de calidade

Afirma que co Ano Santo, Galicia abre a porta ao viaxeiro e convértese no “mellor lugar do mundo”, con escenarios únicos que se atopan na súa costa e nun patrimonio “que queremos seguir proxectando ao mundo”, di, referíndose ao paraíso natural de Cíes-Illas Atlánticas, á Ribeira Sacra ou ao Ferrol da Ilustración

Incide no turismo como sector clave para a reactivación económica, sendo a segunda industria que máis emprego achega

Afirma que Galicia seguirá acollendo ao turista e ofrecendo a mellor atención, as mellores experiencias e a mellor gastronomía
 

Madrid, 19 de maio de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseverou hoxe que Galicia “xa está preparada” para ser protagonista no Xacobeo 21-22 dun destino seguro e de calidade.

“Estamos listos xa para recibir cos brazos abertos a toda a xente que queira chegar ao córner de Europa: cunha Catedral de Santiago reinaugurada, cun Pórtico da Gloria que recobrou o seu esplendor, cunha revitalización do Monte do Gozo e co acondicionamento das infraestruturas de acceso á capital e dos miles de quilómetros que vertebran o Camiño”, asegurou, durante a presentación de Turismo de Galicia en Fitur 2021: Xacobeo 2021-2022. Camiña a Galicia.

Nesta liña, incidiu no turismo como sector clave para a reactivación económica, sendo a segunda industria que máis emprego achega. “Estamos a falar dun sector que trae sempre boas novas”, dixo, referíndose aos máis de cinco millóns de persoas que recibiu a Comunidade en 2019 e ás máis de 11 millóns de pernoitas.

Ao longo da súa intervención, Feijóo afirmou que co Ano Santo, Galicia abre a porta ao viaxeiro e convértese no “mellor lugar do mundo”. E reiterou o compromiso da Xunta para, ante as cuestións de futuro que se están formulando, ter dúas respostas: “Turismo seguro? Galicia e Xacobeo; Turismo de calidade? Galicia e Xacobeo; Turismo sostible? Galicia e Xacobeo; Turismo de natureza, cultural, gastronómico e de experiencias únicas? Galicia e Xacobeo”, salientou.

Sobre este punto, subliñou que toda a Comunidade está repleta de escenarios únicos que se atopan nos seus 1.600 quilómetros de costa; nas súas rías; nas 863 praias; nos seus seis parques naturais, nas súas seis reservas da biosfera e nas 400.000 hectáreas protexidas pola súa singularidade e beleza; nas súas augas termais; e nun patrimonio “que queremos seguir proxectando ao mundo”, dixo, referíndose ao paraíso natural de Cíes-Illas Atlánticas, á Ribeira Sacra ou ao Ferrol da Ilustración.

O presidente da Xunta concluíu afirmando que Galicia seguirá acollendo ao turista e ofrecendo a mellor atención, nos 328 establecementos recoñecidos coa Q de calidade; as mellores experiencias, coas súas festas de interese turístico internacional e nacional; e a mellor gastronomía.
 

Imaxes relacionadas