A Xunta outorga 23.000€ en axudas para a adquisición de novidades editoriais en galego e a mellora de coleccións a seis bibliotecas das bisbarras de Deza e Tabeirós-Montes

O delegado territorial, Luis López, informa desta liña de achegas nunha visita á Biblioteca Municipal da Estrada xunto ao alcalde, José López

Os concellos da Estrada, Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro e Cerdedo-Cotobade recibirán fondos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para ampliar os seus volumes bibliográficos

“É fundamental seguir apoiando a cultura e aos creadores e tamén achegar a literatura aos cidadáns a través da ampla rede de bibliotecas”, detalla Luis López
 

A Estrada, 18 de maio de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de outorgar preto de 23.000 euros en axudas para a adquisición de novidades editoriais en galego e para a mellora de coleccións bibliográficas a seis bibliotecas municipais e axencias de lectura das bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta liña de achegas, que acaba de ser aprobada, nunha visita á Biblioteca Municipal da Estrada xunto ao alcalde, José López, e o concelleiro de Cultura, Juan Constenla. O Concello da Estrada recibirá fondos das dúas liñas habilitadas pola Xunta e contará con máis de 5.000€ para ampliar a dotación de volumes.

“É fundamental seguir apoiando a cultura e aos creadores e tamén achegar a literatura aos cidadáns a través da ampla rede de bibliotecas que hai por toda Galicia”, detallou Luis López, que explicou que esta orde inclúese no compromiso da Xunta para fomentar a cultura nas contornas rurais e urbanas ao tempo que se colabora co sector editorial.

Así, os municipios da Estrada, Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro e Cerdedo-Cotobade van recibir estas achegas da consellería, que destinou un total de 550.000 euros para esta iniciativa, orientada a todas as instalacións municipais integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia.

A primeira liña, para a compra de novidades editoriais en galego en formato físico, permite que as bibliotecas incorporen estes libros dende o momento da súa entrada no mercado mediante un proceso áxil e atendendo á demanda.

A segunda orde de axudas céntrase na mellora das coleccións bibliográficas de bibliotecas e axencias de lectura públicas para que os concellos poidan actualizar os seus fondos e os traballadores dispoñan de máis marxe para planificar a adquisición das novidades editoriais e se poida aumentar a oferta aos usuarios con especial fincapé nas campañas de verán e Nadal, nas que adoita subir a demanda.

“Trátase de contías e achegas que, no eido literario, son importantes, xa que poden incorporar, nalgún dos casos, máis de 500 exemplares e ademais cos títulos e as obras máis recentes, que soen espertar un maior interese entre os lectores”, concretou o delegado.
 

 

Axudas bibliotecas e axencias de lectura | Comarcas de Deza e Tabeirós-Montes

Concello
Número de Bibliotecas
Novidades editoriais en galego
Mellora das coleccións bibliográficas
Importe
A Estrada
1
1.938€
3.242€
5.180€
Lalín
1
1.938€
3.242€
5.180€
Rodeiro
1
775€
1.620€
2.395€
Silleda
1
1.163€
2.161€
3.324€
Vila de Cruces
1
1.163€
2.161€
3.324€
Cerdedo-Cotobade
1
1.163€
2.161€
3.324€
TOTAL
6
8.140€
14.587€
22.727€

Imaxes relacionadas