A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar e a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica responderon a preguntas na Comisión 8ª

Galicia impulsa o aproveitamento do Fondo Europeo Marítimo-Pesqueiro cun departamento específico para a súa xestión

Silvia Cortiñas explicou que a Subdirección Xeral de Planificación, Seguimento e Verificación creada pola Consellería do Mar coordina a actuación dos organismos intermedios na xestión dos programas operativos dos fondos europeos

A Xunta defende a flexibilidade e a simplificación na aplicación do futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca co obxectivo de que non prexudique á súa execución como está acontecendo co actual

En relación á mexilla, a directora xeral de Pesca explicou que Galicia traballa na adecuación da normativa que regula a súa extracción para garantir a longo prazo a convivencia entre bateeiros e percebeiros

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2021

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, destacou hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo a implicación de Galicia na xestión do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) a través da creación da Subdirección Xeral de Planificación, Seguimento e Verificación deste fondo de financiamento. Este departamento é específico para este fin e está centrado na optimización e aproveitamento do FEMP en beneficio do conxunto do sector marítimo-pesqueiro galego.

Nesta liña, Silvia Cortiñas explicou que esta subdirección que vén de crear a Consellería do Mar garante a separación de funcións entre os órganos xestores do gasto asociado ao FEMP e o equipo que realiza a verificación do mesmo. Ao tempo coordina a actuación dos distintos organismos intermedios na xestión dos programas operativos dos fondos europeos. Ademais ten como obxectivo colaborar na planificación dos programas operativos e no seu seguimento e control.

Isto mostra a preocupación de Galicia pola dificultade na execución destes fondos que, segundo explicou a secretaria xeral, está motivada pola complexidade da normativa do actual FEMP provocando que os estados membros tardasen en aprobar os seus programas operativos e as correspondentes ordes e convocatorias de axudas. A isto engádese os seus estritos requisitos e a elevada burocracia que limitan a posibilidade de acceso ás axudas por parte dos posibles beneficiarios, sinalou.

Non obstante, Silvia Cortiñas subliñou que Galicia é a comunidade autónoma de España que executou máis fondos do programa operativo do Estado cun grao de execución semellante ao do resto dos organismos intermedios de xestión. Ademais lembrou que os socios comunitarios aínda poden seguir executando os gastos previstos dentro dese orzamento ata 2023, co que España dispón de tres anos máis de execución do fondo.

Neste sentido, e de cara a promover unha execución máis doada do futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, Galicia defende “certeza, coherencia, simplificación e flexibilidade para a súa implementación exitosa”, incidiu a secretaria xeral.

Extracción de mexilla

En resposta a outra pregunta relacionada coa semente de mexillón (mexilla), a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, explicou que a Xunta está a traballar xunto coas confrarías de pescadores e os bateeiros nunha nova regulación da extracción deste recurso co obxectivo de garantir a longo prazo a convivencia entre os bateeiros e os percebeiros. Deste xeito, expuxo, “téntase chegar ao maior consenso posible sobre o futuro da ordenación da actividade”.

Segundo explicou a directora xeral, o labor que se está a realizar ten como obxectivo analizar toda a normativa e as distintas propostas de cara a fixar unha regulación a longo prazo e permitiu emitir por primeira vez unha resolución que regula o horario de extracción da mexilla e outra sobre os medios de achegamento ás rochas. Ademais, engadiu, estase traballando noutras cuestións vencelladas coa extracción co obxectivo de consensuar unha norma que perdure no tempo.

Nesta liña defendeu o labor de contacto permanente da Consellería do Mar coas partes implicadas para tratar de chegar a consenso sobre o futuro da ordenación da actividade. Un asunto, subliñou, que leva tempo, xa que require buscar un punto de encontro entre os intereses destes dous colectivos que comparten zonas de traballo.

Ademais lembrou que na actualidade a extracción de mexilla en bancos naturais está regulada pola orde do 26 de outubro de 2000, que establece as condicións para realizar esta actividade e un procedemento que permite controlar ás persoas individualmente autorizadas para a extracción.