A Xunta lembra aos furancheiros que xa poden solicitar os carteis sobre a capacidade permitida e co acceso ao código QR

O Goberno galego destaca que estes locais deben rexerse polas mesmas medidas de prevención ante a covid-19 do Plan de Hostalería Segura establecido para os negocios de hostalería e restauración, e segundo o límite de capacidade e os horarios deste sector en cada concello segundo a súa situación epidemiolóxica

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020

A Xunta vén de informar aos concellos galegos que os propietarios dos furanchos xa poden descargar no enlace https://passcovid.xunta.gal/declaracion-de-capacidade os carteis que están obrigados a colocar nun lugar visible do acceso ao local no que debe constar a capacidade máxima do local. Ademais, o cartel inclúe o acceso ao código QR do establecemento, para que os usuarios poidan escanear e rexistrar de forma voluntaria a súa visita, colaborando así na rastrexabilidade ante posibles gromos.

O Goberno galego lembra que os furanchos deben rexerse polas mesmas normas establecidas para a hostalería e a restauración no Plan de Hostalería Segura e polas distintas capacidades e horarios fixados para estes negocios segundo a situación epidemiolóxica de cada concello.

Así, deberá respectarse o límite de capacidade permitida e os horarios de apertura e peche en cada caso, a distancia de seguridade, o uso de máscara e, en definitiva, todas as medidas que figuran na orde do 7 de maio publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) que establece medidas de prevención específicas como consecuencia da situación derivada da covid-19 e da orde do 25 de febreiro de 2021, pola se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de Hostalería Segura.

Os furanchos son locais nos que os seus propietarios venden o excedente do viño de colleita propia. Trátase polo tanto de lugares abertos ao público, que se ben teñen unhas singularidades que xustifican unha regulación propia e diferente doutros establecementos, deben seguir tamén as restricións que por razóns de saúde pública rexen os locais comerciais ou as actividades de hostalaría e restauración.

Cómpre aclarar que cada concello conta cun Rexistro municipal de furanchos para a inscrición de todos os furanchos que radiquen no seu ámbito territorial, e deberán vixiar e garantir o debido cumprimento das normas.

Imaxes relacionadas