O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, remarcou na Comisión 2ª do Parlamento que a mocidade poderá viaxar gratis no autobús da Xunta por toda Galicia

A Xunta destaca a universalización da gratuidade do transporte público para os menores de 21 anos desde o 21 de maio, ao tempo que impulsa prezos máis económicos para toda a cidadanía

O director salienta que o 2020 foi o ano de maior incremento no número de tarxetas Xente Nova expedidas desde a súa posta en marcha no 2016, emitíndose máis de 21.000 novos dispositivos, a pesar dos condicionantes da crise sanitaria

Pon como exemplo os case 1.800 euros de aforro en 9 meses lectivos que pode acadar unha familia dunha moza de Verín que estude na cidade de Ourense, desde que a Xunta estendeu a toda a provincia as vantaxes da tarxeta Xente Nova

Subliña as vantaxes do Plan de Transporte Público de Galicia nos descontos e políticas de prezos máis económicos, con independencia da idade, ao que poden acceder os usuarios do transporte público da Xunta empregando a tarxeta TMG

Afonda na mellora que implica a creación nos vindeiros meses da Área de Transporte de Galicia, que coa adhesión dos concellos suporá a despenalización dos transbordos nos buses interurbanos e máis bonificacións nas viaxes

Confía na colaboración e adhesión dos concellos á Área de Transporte, para que o conxunto da cidadanía dispoña de prezos aínda máis baixos

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2021

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, destacou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia a universalización da gratuidade do transporte público da Xunta para os menores de 21 anos desde este vindeiro 21 de maio, ao tempo que se continúa a impulsar prezos máis económicos para toda a cidadanía.

Ignacio Maestro subliñou que desde este venres, as vantaxes da tarxeta Xente Nova esténdese a toda Galicia, o que significa que os menores de 21 anos poderán viaxar gratis no autobús interurbano da Xunta por todos os concellos da Comunidade. “Dende Ortigueira a Vigo, desde A Guarda a Verín, desde calquera dos 313 concellos de Galicia a calquera outro, sen que lles coste un só euro, gratis”, remarcou.

Subliñou como unha das principais liñas estratéxicas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade o acceso gratuíto da mocidade ao autobús, a través da tarxeta Xente Nova. O dispositivo, impulsado no 2016 permite que, actualmente, os menores de 21 anos viaxen gratis nas áreas de transporte metropolitano, sumando no 2020 toda a provincia de Ourense e a 13 concellos da área de Pontevedra, e estendéndose desde o vindeiro día 21 de maio a toda Galicia.

Neste sentido, salientou que a pesar de todos os condicionantes da crise sanitaria da covid-19, o 2020 foi o ano de maior incremento no número de tarxetas expedidas desde a súa posta en marcha no 2016, emitíndose máis de 21.000 novos dispositivos. Grazas a esta iniciativa, precisou, desde o 2016 realizáronse máis de 8 millóns de viaxes gratuítas, cun investimento por parte da Xunta que se sitúa en preto dos 8 M€.

Para ilustrar o impacto que a tarxeta Xente Nova está a ter nos petos das familias, o director puxo de exemplo o traxecto dunha moza de Verín que estude na cidade de Ourense, desde que o Goberno galego estendeu a toda a provincia as vantaxes deste dispositivo. Así, coa tarifa do contrato anterior, esta usuaria tería un prezo por viaxe de 4,55€, o que supón uns 200€ ao mes desprazándose a diario. Hoxe, dixo, esta mesma estudante viaxa gratis todo o curso, o que supón para a familia case 1.800 euros de aforro nos 9 meses lectivos.

Puxo en valor tamén o traballo da Xunta para facer realidade a modernización completa dos servizos de transporte público por estrada, onde apuntou como fundamental o papel da mocidade e, tamén, do novo Plan de Transporte Público de Galicia, “que rematou recentemente a súa implantación efectiva, froito dun traballo inxente”, dixo.

Destacou a planificación do Goberno galego ante a magnitude do proceso rematado ao longo do ano pasado, que supuxo implantar 127 contratos, a renovación de máis de 3.100 liñas de autobús, que cada mes poñen en circulación uns 300.000 servizos, trasladando a 26 millóns de viaxeiros ao ano, ademais de 43.000 escolares todos os días. A rede de servizos descrita, lembrou, supón un investimento autonómica que supera os 80 millóns de euros cada ano.

O director puxo o acento na incidencia do novo Plan de Transporte Público de Galicia nos descontos e políticas activas de prezos máis potentes, con independencia da idade, e que posibilita a todos os usuarios o acceso a elas. Aquí, seguindo co exemplo da estudante de Verín, explicou que segundo a moza vaia cumprindo anos, ou para o resto de usuarios, se dispón xa dun bono mensual ilimitado de 66€ se precisa facer as mesmas viaxes, o que supón un aforro de case 150€ ao mes, 1.200€ ao ano.

Recalcou os evidentes beneficios da política da Xunta, pois estas vantaxes chegan agora tamén ás mozas e mozos que viven en núcleos de poboación do rural de toda Galicia.

Afirmou que, adicionalmente, a Xunta continuará afondando nuns prezos o máis económicos posible para toda a cidadanía coa constitución nos vindeiros meses da Área de Transporte de Galicia, que levará a toda a Comunidade os beneficios dos que gozan xa nos 65 concellos da contorna das cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo, integrados nas áreas de transporte metropolitano, a través do uso da tarxeta TMG.

Ignacio Maestro apuntou que a adhesión dos concellos que estea interesados suporá a despenalización total dos transbordos en autobuses interurbanos e bonificacións económicas en cada viaxe. Estes descontos, engadiu, de xeito complementario á oferta de bonos vixentes, suporán un aforro real adaptado ás circunstancias individuais dos cidadáns.

O director xeral de Mobilidade animou a colaborar na constitución da Área de Transporte de Galicia aos concellos interesados en que a mocidade e a cidadanía, sen límite de idade, dispoñan de prezos aínda máis baixos. Neste sentido, expresou a confianza en que os concellos se sumen aos convenios coa Xunta para que esta Área estea plenamente operativa cando antes, toda vez que aos municipios só lles corresponde achegar o 20% do financiamento.

Imaxes relacionadas