O instituto compostelán Xelmírez II, no que impartiu docencia Xela Arias, súmase á homenaxe á anfitrioa das letras

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto, que incluíu unha conferencia de María Xesús Nogueira e o espectáculo 'Vencerse é cousa de se tratar', a cargo de Fernando Abreu, Mónica de Nut e Pablo Carrera

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na apertura da xornada lingüística-cultural organizada polo IES Arcebispo Xelmírez II con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. Así, o centro compostelán no que impartiu docencia Xela Arias durante o curso 1999-2000 súmase ás homenaxes á anfitrioa das Letras Galegas 2021.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, aproveitou a súa asistencia ao centro para felicitar ao alumnado e ao profesorado polo seu labor para contribuír á ampla programación institucional conmemorativa arredor do 17 de maio “cunha proposta que pon en valor e dá a coñecer a Xela Arias desde o ensino, un dos ámbitos nos que a autora desenvolveu o seu labor docente”. Neste senso, destacou a colaboración de “dúas persoas tan próximas a ela e á súa obra como son Chus Nogueira e Fernando Abreu”.

Canda eles, participaron no acto Darío Gil, fillo de Xela Arias; a directora do centro, María Pilar Tobar, e o profesor de lingua galega e literatura, Xaime Varela.

Semana das Letras Galegas no IES Arcebispo Xelmírez II

A xornada de hoxe abriu a Semana das Letras Galegas no IES Arcebispo Xelmírez II, incluída na programación institucional das Letras Galegas 2021 da Xunta de Galicia, cunha conferencia a cargo da profesora e biógrafa de Xela Arias, María Xesús Nogueira, tamén editora do volume da poesía completa da autora.

O programa de actividades tamén inclúe a elaboración de videopoemas por parte do alumnado para proxectárense en zonas comúns e o espectáculo escénico Vencerse é cousa de se tratar, un proxecto que toma como referencia o verso para renderlle tributo a Xela Arias desde o escenario e desde o audiovisual do que puido gozar o alumnado do centro. Trátase dunha proposta poético-musical dirixida por Avelino González, a cargo de Fernando Abreu, Pablo Carrera (DOUS) e Mónica de Nut, que combina poesía e música recuperando así a idea que tiña Xela Arias de levar a súa obra poética aos palcos na presentación da que sería a derradeira obra publicada en vida, Intempériome (2003), proxecto que non chegou a materializar.
 

Imaxes relacionadas