A conselleira de Política Social mantivo unha videoconferencia cos representantes das entidades que forman parte do Cermi

Fabiola García subliña que as persoas con discapacidade contaron con todo o apoio de Galicia “no momento máis difícil da historia recente”

Recordou que nas últimas semanas a Administración autonómica deu luz verde aos convenios para financiar ás federacións e entidades con discapacidade

Galicia inviste máis que nunca en discapacidade, 126 millóns de euros, o dobre que en 2009
 

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, subliñou hoxe, nunha reunión mantida co Comité español de representantes de persoas con discapacidade (Cermi), que as persoas con discapacidade contaron con todo o apoio de Galicia “no momento máis difícil da historia recente”, en referencia á situación provocada pola covid-19.

Fabiola García resaltou que a través “do diálogo sincero e da lealdade incondicional” entre Xunta de Galicia e as entidades sociais puidéronse superar estes momentos duros. Neste sentido, puxo en valor os esforzos realizados pola Goberno galego para que o financiamento dos centros de día e de discapacidade e ocupacionais non se resentira nos meses que estiveron pechados.

Ademais, recordou que a Administración autonómica achegou, tanto a estes centros como ás residencias, un subministro constante de material de protección e probas diagnósticas, que correu a cargo do Goberno galego.

8,2 millóns de euros

Así mesmo, a conselleira de Política Social destacou que nas últimas semanas a Xunta de Galicia deu luz verde aos convenios para financiar ás federacións e entidades de discapacidade. A contía destes acordos é de 8,2 millóns de euros que supoñen “un auténtico récord”, indicou Fabiola García, xa que consolidan os incrementos aprobados hai dous anos para poder mellorar as condicións laborais dos seus traballadores. Por último, salientou que Galicia inviste máis que nunca en discapacidade, 126 millóns de euros, o dobre que en 2009

Imaxes relacionadas