O Instituto de Economía Pública de Galicia promoverá a formación avanzada dos empregados públicos na economía e nas finanzas públicas

O conselleiro de Facenda e Administración Pública e a directora da EGAP asinaron hoxe o protocolo de colaboración para a súa creación

Será unha nova sección dentro da Escola Galega de Administración Pública e contará cunha dotación de 500.000 euros para iniciar a súa actividade
 

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2021

A Xunta vén de crear o Instituto de Economía Pública de Galicia para promover a formación permanente e avanzada dos empregados públicos en materias específicas da economía e das finanzas públicas.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez e a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, asinaron hoxe o protocolo de colaboración para a creación desta nova sección dentro da EGAP, que contará cunha dotación de 500.000 euros para iniciar a súa actividade.

O Instituto de Economía Pública de Galicia nace comprometido coa formación e a investigación no eido da economía e da facenda pública galega; elaborará informes; e publicará estudos especializados nestas disciplinas. Algúns dos ámbitos nos que se centrará son, o sistema de financiamento autonómico, a fiscalidade ou simplificación administrativa entre outras; e xogará un papel importante na avaliación de proxectos e políticas públicas.

O seu funcionamento basearase nun modelo de xestión áxil e encamiñado aos resultados e establecerá alianzas con outras administracións, organismos e institucións nacionais, internacionais, públicas o privadas para a mellora do coñecemento e a investigación en materias relacionadas coa economía pública.
 

Imaxes relacionadas