A Xunta inicia as obras de reforzo do firme nas estradas da provincia da Coruña AC-840 e na AC-523, que suporán un investimento autonómico de máis de 3,6M€

As intervencións teñen por obxectivo a rehabilitación integral do firme en 50 quilómetros destas dúas estradas de titularidade da Xunta

Os traballos comezaron hoxe na AC-840 e desenvolveranse nos tramos que presentan maior deterioración ao seu paso polos municipios de Oza-Cesuras, Curtis, Vilasantar, Sobrado, Boimorto, Melide e Santiso

Estes traballos fan necesario o corte dun carril na zona na que se desenvolven os labores, entre as 8,30 e as 19,00 horas, sendo debidamente sinalizados con semáforos que permitirán paso alternativo do tráfico en ambos os sentidos

Na AC-523 os traballos levaranse a cabo nos treitos que transcorren polos concellos da Laracha e de Cerceda

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa traballando na conservación e na mellora das estradas autonómicas coa fin de reforzar a seguridade viaria

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de reforzo de firme nas estradas da provincia da Coruña AC-840 e na AC-523, que suporán un investimento autonómico de máis de 3,6 millóns de euros.

As actuacións teñen como obxectivo a rehabilitación integral do firme en 50 quilómetros destas dúas estradas autonómicas.

As obras comezaron hoxe pola estrada AC-840, onde se actúa naqueles tramos que presentan maior deterioración, ao seu paso polos termos municipais de Oza-Cesuras, Curtis, Vilasantar, Sobrado, Boimorto, Melide e Santiso.

Neste caso, a execución das obras fai necesario a regulación do tráfico na zonas nas que se estea traballando, cada día, entre as 8,30 horas e ata as 19,00 horas. Para facilitar a circulación do tráfico, procederase ao corte dun carril, que estará debidamente sinalizado con semáforos que permitirán paso alternativo do tráfico en ambos os sentidos de circulación polo carril que permaneza aberto.

No que se refire á estrada AC-523 os traballos levaranse a cabo nos treitos que transcorren polos concellos da Laracha e de Cerceda.

A intervención, enmarcada no Plan de reforzos de firme impulsado polo departamento que dirixe Ethel Vázquez, consiste na rehabilitación da capa de rodadura nos treitos das estradas que presentan maior deterioración.

A Xunta continúa traballando na conservación e mellora das estradas autonómicas coa fin de reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios na condución, así como contribuír á durabilidade do bo estado do firme.

Imaxes relacionadas