A Xunta e o concello de Vilamarín asinan o convenio para a mellora da accesibilidade da estrada OU-189 en San Martiño e Pazos de Monte cun investimento de case 455.000€

A Xunta custeará as actuacións, correspondéndolle á entidade local a adxudicación e execución das obras, ademais de comprometerse a asumir a titularidade da vía

As obras desenvolveranse nun treito antigo da estrada OU-901, de algo máis de 2,3 quilómetros de lonxitude

Renovaranse as beirarrúas en ambas as marxes da travesía Pazos de Monte e na entorna do pretil do río instalarase protección peonil e de contención de vehículos
 

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez, asinaron hoxe, de xeito telemático, o convenio de colaboración para a mellora da estrada OU-189 en San Martiño e Pazos de Monte.

A Xunta asumirá o financiamento das obras coa achega de case 455.000 euros para mellorar as condicións de accesibilidade e a mobilidade dos veciños deste concello ourensán.

O Concello de Vilamarín asumirá a adxudicación e a execución das obras, así como a titularidade da vía. Para iso, a Administración local asinará a acta de entrega antes da licitación da intervención.

As obras desenvolveranse nun treito antigo da estrada OU-901, de algo máis de 2,3 quilómetros de lonxitude, de calzada única con carrís de 3 metros, en xeral sen beiravía e beirarrúas, agás nalgúns treitos das citadas parroquias.

As intervencións previstas comprenden a mellora do estado do firme e da accesibilidade desta estrada, coa renovación da capa de rodadura da plataforma.

Na actuación inclúense a construción de senda-cuneta en pavimento de formigón e senda cuneta peonil, entre os puntos quilométricos 1+810 e 1+880, e a renovación das beirarrúas en ambas marxes da travesía Pazos de Monte, desde o punto 1 á intersección do 1+130.

Tamén se prevén actuacións para a recollida de augas naqueles puntos nos que se altere a sección transversal e a instalación de protección nas inmediacións do pretil do río, no punto quilométrico 1+665, para protección peonil e como sistema de contención de vehículos.

As obras completaranse con nova iluminación para incrementar a seguridade dos treitos con tránsito peonil.

O Goberno galego trata de fomentar investimentos que melloren as infraestruturas viarias, coa finalidade de favorecer o desenvolvemento económico e social e achegar unha maior calidade de vida á cidadanía.