Román Rodríguez participou xunto ao reitor da UDC, Julio Abalde, na inauguración do novo Demostrador Tecnolóxico deste Centro de Investigación

O conselleiro de Educación destaca a importancia para a intelixencia artificial en Galicia da nova sala do Citic na Coruña

Salienta o apoio da Xunta á carreira investigadora, cun investimento de 40M€ en contratos pre e posdoutorais, centros de investigación e retención do talento

Pon en valor o acordo coas tres universidades para impartir un grao e máster interuniversitario centrado na Intelixencia Artificial

A Coruña, 18 de maio de 2021

O conselleiro Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, na inauguración da nova sala do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), cofinanciada pola Xunta. O titular de Universidades do Goberno galego sinalou o CITIC como “un referente no eido da I+D+i aplicada ás TIC” e destacou a importancia deste novo espazo para a Intelixencia Artificial en Galicia.

Román Rodríguez subliñou que Galicia conta “cun sistema investigador de primeiro nivel, punteiro e recoñecido no panorama nacional e internacional, con espazos coma o CITIC, un dos oito centros acreditados como Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia”. Neste sentido, reafirmou o compromiso da Xunta coa investigación. “Galicia é a única Comunidade cun programa completo de formación investigadora universitaria, con convocatorias para as etapas predoutral e posdoutoral, así como cun programa de retención de talento”, afirmou.

Un potente programa de formación e retención de persoal investigador que absorbe un orzamento de 40M€ e inclúe os contratos predoutorais e posdoutorais, o novo Programa de Atracción e Retención de Talento e a liña de apoio aos Centros de Investigación acreditados. “De feito, neste CITIC inxectamos preto de 3M€ entre 2020 e 2022 para blindar o financiamento das súas principais liñas de investigación”, explicou o conselleiro.

Intelixencia artificial

O conselleiro visitou a nova sala xunto co presidente do Consello Social desta universidade, Antonio Abril, e o director do centro, Manuel González Penedo. Sobre o Demostrador Tecnolóxico, Román Rodríguez referiuse á súa utilidade para achegar á cidadanía proxectos punteiros en áreas como a Ciencia ou a Enxeñería de Datos, a Computación de altas prestacións, a Ciberseguridade ou a Intelixencia Artificial.

Ao respecto salientou que a IA é “unha disciplina en alza na que este centro destaca especialmente e que a Xunta apoia decididamente como quedou acreditado tras o recente acordo cos tres reitores para impartir un grao e máster interuniversitario centrado nesta materia”.

“Estamos convencidos de que esta nova sala de Demostrador Tecnolóxico realizará un labor fundamental á hora de achegar os distintos avances e proxectos que aquí se realizan”, indicou.

Espazo de divulgación

A nova sala, que leva o nome de Demostrador Tecnolóxico, é un espazo de divulgación e demostración da actividade de I+D+i que se realiza no CITIC, que se empregará para amosar e testar proxectos punteiros en Intelixencia Artificial, exhibindo tamén proxectos das restantes áreas do centro como Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións, Servizos e Redes Intelixentes e Ciberseguridade.

O espazo está organizado en catro áreas. Reunións con sistema de videoconferencia, demostradores físicos, espazo de contornas virtuais e realidade aumentada e tótem de pósteres conforman a estrutura desta sala dotada con equipamento de alta tecnoloxía.

A sala, na que se materializou un investimento que supera os cen mil euros, está cofinanciada pola propia UDC e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Consello Social da UDC.

Imaxes relacionadas