A Xunta licita a renovación das cubertas do edificio principal e o ximnasio do CEIP Bouza Brei de Ponteareas cun investimento de 300.000€

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anuncia a apertura do proceso de contratación destes traballos nunha visita ao centro escolar con representantes municipais e educativos

O cargo autonómico explica que o desenvolvemento da obra prevese integramente ao longo do período non lectivo deste verán para garantir a seguridade

“As actuacións oriéntanse a reforzar a impermeabilización e o illamento de case 2.700 m2 dos dous edificios para incrementar a confortabilidade dos centos de profesores e alumnos da comunidade educativa”, detallou Luis López
 

Ponteareas, 18 de maio de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de licitar as obras de renovación das cubertas do edificio principal, destinado a aulario, e do ximnasio do CEIP Fermín Bouza Brei, no Concello de Ponteareas, cun orzamento global de case 300.000 euros.

A apertura do proceso de contratación foi anunciada este mediodía polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, nunha visita realizada ao centro xunto ao xefe territorial de Educación, César Pérez, e representantes municipais e educativos. No seu percorrido, concretou que a intención do Goberno galego pasa por adxudicar as obras nunhas semanas para arrancar cos traballos a comezos de verán e desenvolvelos integramente, co seu prazo de execución de dous meses, durante o período non lectivo.

“Con esta actuación, a Xunta atende unha mellora da comunidade educativa que tamén fora detectada polos servizos técnicos da Consellería e prosegue co proceso de modernización dos centros da provincia cos criterios do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, ao abeiro do que investiremos 191 millóns de euros nesta lexislatura para que os colexios e institutos sexan espazos máis confortables, multifuncionais, ventilados, versátiles e seguros no eido sanitario”, detallou o delegado.

A actuación proxectada no CEIP Bouza Brei beneficiará ao edificio principal e ao ximnasio, cuxas cubertas, que roldan os 2.700 m2 de superficie, presentan diversas patoloxías por mor do paso do tempo, e tamén aos sistemas de recollida de pluviais de ambos inmobles, xa que están deteriorados, producindo rebordamentos, goteos e vertidos de auga polas fachadas.

As obras consistirán na reparación e substitución destas cubertas, comezando polo recoñecemento previo do seu estado antes de proceder á súa desmontaxe, que se efectuará durante o período non lectivo por cuestións de seguridade. Posteriormente, instalaranse novas cubertas de chapa de aceiro galvanizado con sistemas de illamento que, no caso do aulario, será de lana de roca de dobre densidade, mentres que no ximnasio consistirá en paneis flexibles de lana de vidro hidrofugado.

Así mesmo, para mellorar a eficiencia do illamento térmico e do revestimento a obra complementarase con escuma de poliuretano e ademais procederase ao reforzo da estrutura do teito nos puntos nos que sexa necesario, a renovación das baixantes e canalóns e a substitución das luminarias do recinto deportivo por unhas novas de tecnoloxía Led.

“As actuacións oriéntanse a mellorar a confortabilidade do centro cunha modernización dos sistemas de impermeabilización e illamento das súas instalacións, o que beneficiará aos centos de persoas, entre alumnos e docentes, que conforman a súa comunidade educativa”, concluíu o delegado territorial.
 

Imaxes relacionadas