A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos e o Centro Asociado da Uned da Coruña asinan un convenio de colaboración para o fomento da doazón de sangue, órganos e tecidos

A colaboración das universidades galegas resulta imprescindible para a renovación da base de doantes e a captación de doadores e doadoras novos de todas as franxas de idade

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2021

O edificio administrativo da Consellería de Sanidade en Santiago acolleu, esta mañá, o acto de sinatura dun novo convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) e o centro asociado da UNED da Coruña, co obxectivo de promover a doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos entre os membros desta comunidade académica.

O convenio foi asinado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o director do centro asociado da UNED da Coruña, Germán Carro Fernández. Ao acto tamén asistiu a directora de ADOS, Marisa López García

Innovadora colaboración

Este convenio supón unha innovadora e pioneira colaboración entre ADOS e o centro asociado da UNED da Coruña que, principiou recentemente, e no que a institución académica coruñesa únese ás tres universidades galegas da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, coa decidida vontade de potenciar liñas de interese común, impulso, sensibilización e promoción da doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos no ámbito da UNED.

O centro asociado da UNED Coruña, ademais, conta cunha plataforma singular e longa experiencia no eido da educación a distancia e de utilización innovadora das redes sociais que, permitirá a ADOS, reforzar a información co colectivo universitario neste ámbito e achegándose a perfís de doantes de todas as franxas de idade.

Ciclo de charlas

Ambas institucións promoverán campañas colectivas de doazón de sangue entre os membros da comunidade académica da UNED, así como reforzarán outras medidas de índole educativa, tal e como sucedeu no presente curso académico coas charlas “Depende de ti”, que puideron seguirse vía online e que constou de tres charlas informativas sobre diferentes tipos de doazón: sangue, órganos e medula ósea.

Ademais, lembrar que no pasado curso académico un alumno da UNED resultou o gañador do V Concurso Universitario de Curtametraxes sobre doazón e transplante de medula ósea cun traballo baixo o lema “Como salvar unha vida en tres pasos”, polo que tanto a UNED como ADOS continuarán promovendo a participación do seu alumnado neste certame.

Imaxes relacionadas