A Xunta insiste na importancia de seguir coa tramitación do Plan xeral de Vigo para acadar canto antes a súa aprobación inicial

A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo remitiu unha carta á concelleira de Urbanismo na que lle recorda que o Concello debe elaborar o estudo ambiental estratéxico

No escrito lémbrase que a Lei de medidas fiscais, administrativas e de ordenación establece que a Administración local deberá aprobar inicialmente o novo instrumento no prazo de dous anos

A Xunta de Galicia deu resposta a todas as dúbidas e informou de cada avance na tramitación desta ferramenta, polo que colaborou en todo momento co Concello para acadar o obxectivo de contar cun plan xeral o antes posible
 

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2021-

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de trasladar ao Concello de Vigo a necesidade de seguir coa tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, para acadar canto antes unha versión inicial desta ferramenta urbanística.

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, remitiu unha carta á concelleira de Urbanismo de Vigo, María José Caride, na que lle indica os pasos avanzados ata o momento e a tramitación pendente, ao abeiro da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Nese sentido, indícase que o Concello deberá elaborar o estudo ambiental estratéxico -atendendo ao Documento de alcance e de conformidade coa lexislación vixente- para chegar a unha versión inicial do PXOM, que será aprobado inicialmente polo pleno municipal para someter dito documento a información pública durante un prazo de dous meses.

Desde a Consellería de Medio Ambiente recórdase que a Xunta informou en tempo e forma de todos e cantos avances se produciron na tramitación do mesmo. A última comunicación da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio produciuse a finais de setembro de 2020, cando se trasladou a Resolución pola que se formula o Documento de Alcance do Estudo Ambiental Estratéxico do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Vigo.

Na carta remitida, a Dirección Xeral recorda que a Lei de medidas fiscais, administrativas e de ordenación -aprobadas para salvagardar a situación urbanística de varios ámbitos de Vigo, despois da anulación do PXOM en 2015- establece que o concello deberá aprobar inicialmente o novo instrumento no prazo de dous anos e provisionalmente no prazo de tres anos e seis meses, prazo que se computan dende a data de publicación do acode de probación definitiva do instrumento de ordenación provisional. Trátase dun requisito inescusable para o mantemento da vixencia dos instrumentos de ordenación aprobados provisionalmente, e -de non acadar a aprobación inicial do plan xeral dentro do prazo establecido- esgotará a súa vixencia e quedarán ser efecto.

Así, por conseguir que a cidade máis poboada de Galicia conte cun plan xeral e para evitar a perda de vixencia dos instrumentos de ordenación provisionais e a reviviscencia do PXOU de 1993, o concello de Vigo debe aprobar inicialmente o novo PXOM, sometelo a información pública e remitilo, novamente, á Xunta, administración que recabará nun período de tres meses todos os informes sectoriais de competencia autonómica, polo que o concello só terá que pedir os informes estatais.

Outra das desvantaxes do incumprimento da tramitación é que afecta aos pagos que establece o convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Vigo, para a redacción do novo plan xeral.

Nese sentido, sinálase que en outubro de 2020 asinouse a segunda addenda ao convenio para reaxustar as anualidades, deixando a correspondente ao ano 2019 sen dotación e prevendo para a de 2020, a presentación do borrador de PXOM e as aprobacións iniciais e provisional. Dúas fases previstas que non foron cumprimentadas polo Concello de Vigo no pasado ano e, polo tanto, será preciso asinar unha terceira addenda de reaxuste.

Cómpre lembrar que o urbanismo é unha competencia municipal, tal e como se recolle na Lei do Solo, que contén unha decidida aposta pola autonomía municipal e incrementa a confianza nas administracións locais. É dicir, son os propios concellos os promotores deste tipo de iniciativas e os que se encargan de deseñar o seu PXOM de acordo co modelo urbanístico que desexan.

En todo caso, o Executivo autonómico está sempre a carón dos concellos no impulso da tramitación e aprobación do planeamento. No caso concreto de Vigo, a Xunta traballou desde o primeiro momento para dar unha solución á situación urbanística da cidade olívica, logo da anulación por parte do Tribunal Supremo do PXOM de 2008. Desde entón, defendeu que a única solución definitiva á situación urbanística de Vigo era a aprobación dun novo plan xeral e con ese obxectivo tendeu a man ao consistorio vigués, impulsando outro convenio de colaboración para redactar o novo plan (o segundo, xa que a Administración autonómica xa contribuíra á redacción do PXOM anulado por unha sentencia do ano 2015).

Ademais, o Goberno galego ofreceu respostas provisionais e urxentes para evitar o parón urbanístico da cidade olívica, como a aprobación da Lei 3/2016, de 1 de marzo, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, para aportar unha solución a proxectos de especial interese levados a cabo polas administracións, como a ampliación da Zona Franca, o Ifevi ou a Estación Intermodal.

Tamén impulsou un ano despois a redacción da Lei de medidas provisionais de ordenación urbanística, solución legal e amparada xuridicamente para permitir que certas zonas puideran seguir evolucionando a través dunha ordenación provisional, capaz de garantir o desenvolvemento económico das iniciativas de pequenos empresarios e particulares.