Galicia pide que o Goberno central estableza “vías de coordinación real” para superar as eivas do ingreso mínimo vital

Reitera a solicitude de traspasar ás comunidades autónomas a xestión desta prestación, para mellorar a súa xestión e evitar solapamentos con outras axudas

Denuncia que os servizos sociais básicos están saturados polo crecente número de solicitudes e pide que se achega do Goberno central para reforzalos se incremente

Pide un mecanismo de compensación por seguir facendo fronte a través das rendas de inclusión autonómica ás persoas cuxa solicitude segue en trámite
 

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2021

A Xunta pediu que o Goberno central estableza “vías de coordinación real” para superar as eivas do Ingreso Mínimo Vital. A conselleira de Política Social, Fabiola García, participou esta mañá nunha reunión do Consello Territorial de Servizos Sociais, acompañada polo director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado. Alí, a nosa Comunidade trasladou as súas dúbidas e reclamacións para que esta prestación chegue de xeito máis áxil ás persoas que a necesitan.

Parrado destacou a importancia do IMV para as persoas que peor o están a pasar polas consecuencias socioeconómicas da covid-19 e incidiu na necesidade de que a súa tramitación sexa áxil, accesible e eficaz. Neste sentido, volveu reclamar o seu traspaso ás Comunidades Autónomas para mellorar a súa xestión e evitar solapamentos con outras axudas.

Por outro lado, o director xeral tamén fixo fincapé durante a súa intervención en que a actual situación, derivada da accidentada posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital e das sucesivas modificacións que se introduciron na súa normativa durante o último ano, está xerando saturación nos servizos sociais básicos. Polo tanto, reclamou que o Goberno central incremente o seu financiamento para facer fronte ao número crecente de solicitudes.

Así mesmo, Parrado reclamou que o Goberno central estableza un mecanismo de compensación para evitar que as persoas que transitaron da Risga ao IMV se vexan prexudicadas a causa dos meses nos que compatibilizaron ambas prestacións, polos retrasos na concesión do IMV. Para axudar a estes galegos a saír adiante, nos últimos meses a Xunta seguiu concedendo a Risga a aquelas persoas que solicitaran o IMV pero que tardaron meses en ver resolta a súa solicitude.

 

Imaxes relacionadas