O Porto de Vigo será un lugar cardioprotexido logo do acordo de colaboración asinado entre o conselleiro de Sanidade e o presidente da Autoridade Portuaria

Esta alianza coa autoridade portuaria de Vigo é un paso máis na aposta da Consellería de Sanidade por seguir ampliando a rede de lugares cardioprotexidos da nosa Comunidade Autónoma

Previamente á sinatura, o máximo responsable sanitario galego visitou as dependencias onde se realiza o cribado aos traballadores das instalacións portuarias de Vigo

Vigo, 18 de maio de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, asinaron hoxe un convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade, a través do 061, e a Autoridade Portuaria de Vigo, que ten por obxecto cardioprotexer o Porto de Vigo, así como a súa contorna, mediante a promoción e difusión do coñecemento de técnicas de Resucitación Cardio Pulmonar, con atención especial ao incremento do persoal formado e capacitado para o uso do desfibrilador externo semiautomático, así como a súa incorporación ao Programa “Acude e Axuda”.

No acto de sinatura tamén estiveron presentes a directora do 061 de Galicia, Adriana Regueira Pan, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Francisco Javier Puente Prieto.

Tal e como explicou o conselleiro de Sanidade, para acadar o obxectivo do convenio, o 061 terá un papel fundamental, xa que será quen forme ao persoal voluntario en manobras de reanimación cardiopulmonar e no manexo de desfibriladores externos semiautomáticos. Tamén realizará un estudo das instalacións portuarias, coa fin de dar coas localizacións máis estratéxicas para a colocación destes dispositivos.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego subliñou que, cada ano, en Galicia prodúcense ao redor de 800 paradas cardíacas. Unha reanimación a tempo é pois, unha cuestión de vida. A maioría das paradas cardíacas teñen lugar fóra dos hospitais e dos centros sanitarios, en presenza de testemuñas sen preparación para dar unha asistencia rápida e axeitada ao paciente. Por iso, Sanidade considera prioritario formar á poboación en técnicas de soporte vital básico e poñer á súa disposición ferramentas para poder afrontar intervencións deste tipo.

Esta alianza coa autoridade portuaria de Vigo é un paso máis na aposta da Consellería de Sanidade por seguir ampliando a rede de lugares cardioprotexidos da nosa Comunidade Autónoma, remarcou García Comesaña.

Este acordo de colaboración incrementará o número de persoas formadas en reanimación cardiopulmonar e os desfibriladores externos semiautomáticos a disposición da cidadanía. Precisamente, tal e como destacou o conselleiro, Galicia foi pioneira en España na súa regulación e implantación, coa primeira normativa do uso por persoal non médico fóra do ámbito sanitario.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ten en marcha, dende 2016, o Programa Acude e Axuda, que é unha iniciativa de asistencia precoz á parada cardiorrespiratoria en lugares públicos por persoal voluntario acreditado no manexo deste tipo de desfibriladores. Trátase dunha iniciativa na que hai inscritas preto de 500 persoas e ao redor de 2.100 desfibriladores externos semiautomáticos activos.

Cribado no Porto de Vigo

Previamente á sinatura do convenio, o máximo responsable sanitario galego visitou, na compaña da delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias; do xerente da área sanitaria, e do presidente da Autoridade Portuaria, as dependencias onde se realiza o cribado aos traballadores das instalacións portuarias de Vigo, co obxecto de seguir poñendo medios e persoal na busca de casos positivos da covid, por considerala unha das ferramentas clave para levantar ese muro de contención contra a pandemia.

A tal efecto, Galicia segue a estar por riba da media española no número de probas de diagnóstico realizadas por cada 100.000 habitantes.

Tamén destacou o conselleiro a colaboración cos colexios farmacéuticos para a dispensación de test de saliva, unha colaboración que, na provincia de Pontevedra, funciona dende hai meses, e que permitiu detectar xa máis de 140 positivos. O mes pasado comezou a funcionar nas farmacias da Coruña, e dende mañá, amplíase nas farmacias desta provincia ao rango de idade de 12 a 64 anos. Antes de rematar o mes, a colaboración tamén estará funcionando nas outras dúas provincias.

Igualmente, remarcou García Comesaña outras medidas máis recentes postas en marcha polo seu departamento na loita contra a pandemia, como é a ampliación do sistema de rastrexo dos casos positivos dos dous días previos dende o último contacto coa persoa infectada ata os sete días; ou a habilitación de espazos específicos para a realización de probas PCR naqueles emprazamentos das localidades galegas onde se detecta unha maior concentración de casos.

Imaxes relacionadas