A Xunta activa hoxe unha nova liña de autobús entre Santiago e Fisterra con parada a demanda en Ponte Nafonso para facilitar os desprazamentos dos veciños a Outes

A expedición conectará Santiago de Compostela, Bertamiráns, Noia, Muros, Cee e Fisterra, facendo parada en Ponte Nafonso

O obxectivo é mellorar as conexións do transporte público para que a veciñanza de Ponte Nafonso se poida achegar ao Concello, ao centro de saúde ou aos bancos

O servizo de ida sae de Santiago ás 10 horas e o de volta sae de Fisterra ás 11,45 h.

Os usuarios poderán consultar na web www.bus.gal as horas de paso da liña e solicitar a parada a demanda

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2021

A Xunta activa hoxe unha nova liña de autobús entre Santiago de Compostela e Fisterra que constará dunha parada a demanda en Ponte Nafonso para facilitar a mobilidade dos veciños cara a Outes.

Trátase dunha nova liña de transporte público que conectará Santiago de Compostela, Bertamiráns, Noia, Muros, Cee e Fisterra, contando cunha parada en Ponte Nafonso para dar servizo aos veciños deste núcleo que precisen desprazarse a Outes para facer xestións.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, con esta iniciativa, responde á solicitude do Concello de Outes para mellorar as conexións do transporte público co obxectivo de que a veciñanza de Ponte Nafonso se poida achegar, por exemplo, ao Concello, ao centro de saúde ou ás entidades bancarias.

O servizo de ida ten a súa saída de Santiago de Compostela ás 10 horas e a expedición de volta sae de Fisterra ás 11,45 horas, ambos os percorridos con parada a demanda en Ponte Nafonso.

Os usuarios poderán consultar na páxina web www.bus.gal as horas de paso desta expedición, así como solicitar a realización da parada a demanda, que tamén se poderá efectuar a través do teléfono 988 68 78 00.

A Xunta, no marco do novo Plan de Transporte Público de Galicia, que se completou o pasado mes de decembro, continúa optimizando os servizos para responder de xeito eficiente ás necesidades dos cidadáns en materia de mobilidade.

Imaxes relacionadas