A Xunta invita aos cidadáns a coñecer o funcionamento da Administración pública a través da semana do Goberno Aberto

Desde mañá e ata o 21 de maio celebraranse diferentes xornadas de participación social para divulgar a súa actividade e os seus obxectivos

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2021

A Xunta de Galicia invita a todas as galegas e os galegos a coñecer o funcionamento da Administración Pública galega e a participar dos seus principios e valores a través da semana do Goberno Aberto.

Desde mañá e ata o vindeiro venres, 21 de maio, a Consellería de Facenda e Administración Pública, organiza diferentes xornadas de participación social para divulgar a actividade e os obxectivos da Administración entre distintos colectivos, desde os máis novos ata os máis maiores, sen esquecer ás persoas con discapacidade, ao alumnado universitario ou aos propios empregados públicos.

A Semana do Goberno Aberto promove, entre outros, os principios de transparencia, rendición de contas e participación, en apoio da democracia e do crecemento inclusivo. Constitúe unha oportunidade única para que os cidadáns coñezan mellor o funcionamento das Administracións e os valores que rexen o Goberno Aberto, así como as ferramentas de participación cidadá na elaboración, planificación e execución das políticas públicas.

Programa da Semana do Goberno Aberto

Mañá martes desenvolveranse actividades dirixidas á xuventude con xornadas de participación xuvenil nas que se darán a coñecer as diferentes ferramentas participativas e nas que se debaterán as demandas xuvenís sobre transparencia e participación.

O mércores organizarase unha xornada de portas abertas nos Edificios Administrativos de San Caetano para alumnado de Primaria, na que poderán visitar distintas dependencias do complexo e aprender sobre os procedementos que se desenvolven a diario. Tamén terá lugar unha xuntanza virtual sobre boas prácticas dirixida a distintas asociacións da discapacidade, na que se darán a coñecer os principais aspectos do goberno inclusivo. A continuación, o xoves celebraranse foros de debate sobre gobernos e institucións públicas transparentes, responsables, participantes e inclusivos dirixidos a estudantes universitarios.

As actividades rematarán o venres 21 de maio, cun webinario sobre o Plan de Mellora de Calidade dos Servizos Públicos dirixido aos empregados públicos.

Esta iniciativa enmárcase na semana organizada pola Alianza do Goberno Aberto, da que España forma parte desde 2011, para dar máis participación aos cidadáns, utilizar as novas tecnoloxías para fortalecer a gobernanza e facilitar o acceso á xustiza, e construír institucións eficaces, inclusivas e transparentes.
 

Imaxes relacionadas