Declaración institucional con motivo do Día Mundial de Internet

Co lema “Internet panca de Transformación Dixital e Resiliencia”, o Día Mundial de Internet destaca este ano a importancia deste recurso como espiña dorsal da transformación dixital e medio que garantiu de forma segura a continuidade das actividades administrativas, económicas e sociais nos últimos meses.

Ao longo de 10 anos de estratexias dixitais en Galicia, a través de 2014.gal e Axenda Dixital de Galicia 2020, centradas en promover a conectividade e a dixitalización dos servizos e actividades, construíuse o camiño da transformación dixital de todas as áreas de desenvolvemento da Comunidade.

Internet, xunto co nivel de madurez tecnolóxica acadado nos últimos anos, permitiu durante a pandemia que os máis novos aprenderan de forma remota e a miles de persoas traballar dende a casa, posibilitou que as empresas venderan os seus produtos, as fábricas seguiran funcionando e ao goberno continuar brindando servizos públicos cruciais.

A situación de emerxencia sanitaria derivada do COVID demostrou as nosas fortalezas pero tamén resaltou as nosas debilidades, e expuxo novos desafíos. Traballar no desenvolvemento da resiliencia, como a capacidade de afrontar a adversidade e saír fortalecidos aprendendo do vivido, postúlase como a principal panca a mobilizar. Ante a conxuntura actual, a dobre transición verde e dixital adquire unha crecente relevancia cara ao futuro, ao igual que non deixar a ninguén atrás neste proceso.

Por iso, facer desta a década dixital é o gran desafío da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030) que botou andar neste 2021 e que, aliñada coas prioridades no novo marco europeo, busca situar a Comunidade como unha rexión de referencia en Europa, onde o uso das tecnoloxías dixitais contribúe a aumentar a calidade de vida e o desenvolvemento sostible nas súas tres vertentes: social, económica e medio ambiental.

A través de sete eixos estratéxicos, a EGD2030 potenciará solucións dixitais en resposta aos retos da nova década ao tempo que se promoverá a especialización tecnolóxica centrada en fortalecer as capacidades e infraestruturas dixitais da Comunidade nas tecnoloxías disruptivas (Intelixencia Artificial, ciberseguridade, intelixencia do dato e 5G) e en garantir o seu amplo uso na economía e a sociedade.

Con todo, se ben as tecnoloxías dixitais poden considerarse o motor dos cambios, as persoas son as protagonistas que deben inspirar e converterse en artífices da transformación. Para que iso sexa posible, entre as prioridades da EGD2030 atópase o impulso das competencias dixitais do conxunto da cidadanía, necesarias para desenvolverse plenamente con confianza e seguridade no contexto dixital.

Firmes ao compromiso de non deixar a ninguén atrás, o Goberno galego traballará para promover un novo paradigma de sociedade máis próspera e inclusiva na que todas as persoas estean mellor preparadas para adaptarse e coexistir coa continua evolución tecnolóxica tanto na súa faceta profesional como na persoal.
 

Imaxes relacionadas