O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou o centro de desenvolvemento rural que esta entidade ten en Sarreaus

A Xunta destaca o traballo da Asociación Rural Terra e Xente na dinamización das zonas menos poboadas de Galicia

Este centro axuda na cobertura de necesidades básicas, na alfabetización dixital e no asesoramento das persoas en risco de exclusión

O Goberno galego colabora con esta entidade a través da orde de entidades, con preto de 250.000 euros, e a través da orde de axudas con cargo ao IRPF, na que se lle concederon 650.000 euros o pasado ano

Sarreaus (Ourense), 16 de maio de 2021

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou o centro de desenvolvemento rural de O Viso, integrado na Asociación Rural Terra e Xente, e que traballa na promoción e o desenvolvemento da comunidade rural en varios eidos. Alí destacou o traballo desta entidade na dinamización das zonas menos poboadas de Galicia, dando asesoramento e cobertura das necesidades básicas ás persoas en risco de exclusión.

O director xeral sinalou que o Goberno galego axuda a que este centro leve a cabo programas de inclusión personalizados que permitan, entre outras cousas, a alfabetización dixital e a dinamización comunitaria. Para iso, a Xunta destinou na última convocatoria da orde de entidades preto de 250.000 euros para poñer en marcha iniciativas dirixidas a diferentes colectivos en situación de vulnerabilidade.

Así mesmo, a través da Asociación Rural Terra e Xente, o Goberno galego tamén financiou os programas e axudas deste centro. Neste caso a través da orde de axudas do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) que concedeu no ano 2020 un total de 650.000 euros a esta entidade, dos que 110.000 euros foron destinados a que O Viso puxera en marcha programas de atención ás necesidades básicas, intervención comunitaria e participación social para persoas inmigrantes.

Imaxes relacionadas