A conselleira de Política Social, Fabiola García, enviou unha carta á nova ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Ione Belarra

A Xunta traslada ao Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 os desafíos conxuntos e asuntos pendentes que ten con Galicia

O documento marca como principais obxectivos a mellora na aplicación do Ingreso Mínimo Vital ou a reforma do sistema de dependencia

Reclama un compromiso firme e inequívoco do Ministerio para completar a posta en marcha do Cegadi

Solicita, así mesmo, un mecanismo para que o Goberno central transfira a Galicia os 1,7 millóns do reparto do fondo social extraordinario que nos adebeda por un erro de cálculo

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, trasladou á nova ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Ione Belarra, os desafíos conxuntos e asuntos pendentes que o Goberno central ten co departamento autonómico. Nunha carta remitida esta semana, a titular da Consellería felicitouna polo seu novo cargo “nunha das carteiras máis importantes para a construción e perfeccionamento do noso sistema de benestar”.

Fabiola García salientou que entre os principais obxectivos compartidos atópase a mellora na aplicación do Ingreso Mínimo Vital, así como a reforma do sistema de dependencia. Para conseguilos, sinalou, é fundamental á coordinación e o bo entendemento entre administracións.

A conselleira de Política Social aproveitou a misiva para lembrar á responsable de Dereitos Sociais e Axenda 2030 dous asuntos que o Goberno central ten pendentes de resolver con Galicia. A primeira, completar a posta en marcha do Centro galego do desenvolvemento integral (Cegadi) a través da creación dun Centro de Referencia Estatal para persoas con discapacidade física, dun Centro de Referencia Estatal de autonomía persoal e axudas técnicas e dunha transferencia nominativa dun mínimo de 500.000 euros para facer fronte aos gastos do centro. Trátase dun compromiso adquirido polo Imserso no ano 2018 que non chegou a materializarse.

Transferencia urxente

A segunda cuestión que aborda a carta é a solicitude de corrección do erro cometido no reparto do fondo social extraordinario acordado polo Consello de Ministros do pasado 24 de marzo de 2020. Na reunión do Executivo central asignáronse a Galicia 17 millóns de euros, cando en realidade lle corresponden 18,7, unha equivocación que, lembrou, continúa sen emendarse.

Así, a conselleira de Política Social preguntou sobre o mecanismo que prevé empregar o Goberno central para transferir a Galicia eses 1,7 millóns de euros pendentes, posto que nas circunstancias actuais as galegas e galegos “necesitan con máis urxencia que nunca todos cantos fondos se poidan destinar a fines sociais”, remarcou.

Por último, Fabiola García puxo en valor a necesidade da colaboración conxunta entre institucións para afrontar os novos desafíos que a pandemia puxo en primeira liña. Neste sentido, tendeu a man do Goberno galego para conseguir unha sociedade máis xusta e garantir o benestar dos seus cidadáns sen que ninguén quede atrás.