A Xunta prevé acadar en 2022 o 100% dos seus obxectivos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

A Comunidade deseñou 118 actuacións no marco do Pacto de Estado que vén de reforzar a causa da pandemia

As medidas garanten o apoio aos menores orfos por mor da violencia e ás mulleres que resultan gravemente feridas e permitiron establecer quendas de garda de atención psicolóxica e social para as vítimas

A Xunta executa as actuacións do Pacto de Estado de xeito transversal no marco das competencias dos diferentes departamentos

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2021

Galicia prevé acadar o horizonte 2022 do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero 2018-2022 co 100% de cumprimento dos obxectivos grazas a implicación e o esforzo de todos os seus departamentos, que veñen de reforzar a asistencia ás mulleres vítimas e aos seus descendentes menores de idade por mor da pandemia, ademais de promover a cultura da igualdade e a formación en todos os ámbitos.

Para dar cumprimento aos seus obxectivos, Galicia conta con cerca de 40 millóns de euros repartidos en cinco anualidades que recibe do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, a razón duns oito millóns por anualidade (7,8 neste 2021).

Tan só no primeiro ano de vixencia, 2019, Galicia executou 66 das 118 medidas encomendadas, que supuxeron o 55,9% do total das programadas para os cinco anos.
En 2020 reforzáronse as actuacións cara a protexer ás mulleres vítimas nun contexto de especial vulnerabilidade.

O Pacto de Estado, aprobado por todas as comunidades autónomas, prevé un total de 290 medidas, das que algo menos da metade (o 40,6%) corresponde ás Comunidades Autónomas. Entre elas atópanse accións para a sensibilización e prevención da violencia, a coordinación na resposta institucional ás vítimas -con especial vixilancia para os seus descendentes menores de idade-, configuración de estatísticas ou visibilidade doutras formas de violencia que poden afectar ás mulleres.

Galicia aproveitou esta oportunidade para ofrecer apoio integral a menores que quedaron orfos por mor dos actos de violencia machista, dar cobertura económica e social ás vítimas gravemente feridas, organizar quendas de garda para a atención psicolóxica e social e incorporar a traballadores sociais ás sete oficinas de atención ás vítimas dos xulgados galegos, entre outras actuacións.

Todas as medidas postas en marcha pola Xunta repercuten dalgún xeito na poboación galega xa que, ademais das medidas directas ás mulleres vítimas da violencia de xénero e os seus fillos e fillas, promóvense actuacións dirixidas á mocidade, maiores ou persoas que viven en contornas rurais.

Actuacións transversais

Na procura da eficacia, a maioría de consellerías participan activamente na posta en marcha das medidas, nun exemplo de transversalidade en todas as áreas de goberno, que está a ser imitado por outras comunidades que valoraron favorablemente este método de xestión.

Así, a Xunta traballa por medio dos departamentos competentes na formación do profesorado non universitario, de Corpos e Forzas de Seguridade e en materia de igualdade, e no desenvolvemento de plans de igualdade e de coeducación. A promoción dos principios de igualdade e a loita contra a violencia de xénero materialízase en actuacións promovidas no eido local, do deporte e incluso na área de Política Lingüística, que está a elaborar sobre a igualdade para adolescentes e divulgar iniciativas contra a violencia.

Enmárcase tamén no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero a formación dos empregados públicos en violencia de xénero, campañas de sensibilización no ámbito rural, apoios ao alugueiro para mulleres vítimas e a cualificación do voluntariado, entre outras medidas.

A Consellería de Emprego e Igualdade está a colaborar con Política Social na atención ás vítimas de violencia sexual e o reforzo do centro de emerxencia a mulleres maltratadas de Vigo.

O Goberno galego está a desenvolver, por outra banda, actuacións contra a violencia sexual e discriminación socioeconómica das mulleres de República Democrática do Congo e se brinda protección ás superviventes da violencia de xénero en campos de refuxiados da Franxa de Gaza e en Uganda.

Todos eles constitúen exemplos da implicación e esforzo de todos os departamentos da Xunta na posta en marcha das medidas do Pacto de Estado, o que permite que Galicia aspire a cumprir todos os seus obxectivos cara a 2022.

Imaxes relacionadas