Galicia convida ás entidades do ámbito social a presentar proxectos innovadores e de mellora do sistema de coidados para captar fondos europeos

A Consellería de Política Social lanza unha Manifestación de Interese para implicar ao terceiro sector no desenvolvemento das liñas estratéxicas de actuación no ámbito social

O prazo para remitir propostas permanecerá aberto ata o vindeiro 5 de xuño
 

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2021

A Consellería de Política Social convida ás entidades do ámbito social a presentar proxectos innovadores e de mellora do sistema de coidados para captar fondos Next Generation da Unión Europea. Faino a través dunha Manifestación de Interese que se publicou na web galega que centraliza toda a información sobre programa europeo.

As entidades, con ou sen ánimo de lucro, que teñan interese en presentar iniciativas e proxectos poderán facelo ata o vindeiro 5 de xuño. A partir desa data, serán avaliados polo Goberno autonómico. Entre os aspectos que deberán detallarse de cada proxecto están os seus obxectivos, a súa localización, a súa planificación, estado de madurez e socios implicados, así como unha valoración económica.

Na manifestación de interese identifícanse algunhas áreas clave, que teñen como eixo común a innovación e a mellora do sistema de coidados: a creación de novos equipamentos, o lanzamento de proxectos piloto, a transformación tecnolóxica dos servizos sociais, a atención á infancia no medio rural, o coidado da saúde mental no ámbito da infancia, a aosta pola accesibilidade en sentido amplo e a loita contra a exclusión social a través da creación de centros específicos, do aproveitamento do potencial das zonas rurais e da redución da fenda dixital.

Complementariamente, Galicia presentou unha candidatura ao compoñente 22 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que xestiona o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. A proposta impulsada pola Xunta no eido social consta de trinta proxectos e un investimento de 164 millóns de euros divididos en tres anualidades.