A Xunta analiza vías de colaboración coa Asociación Galega de Carpintería de Ribeira para impulsar a actividade do sector

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantiveron esta semana un encontro con representantes da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) co obxectivo de analizar posibles vías de colaboración coas que impulsar a actividade do sector. Os representantes do Executivo galego defenderon a importancia de promover a carpintería de ribeira e as súas técnicas construtivas -como ben de interese cultural que son- así como difundir o seu saber facer, que é un dos sinais de identidade do patrimonio cultural e marítimo-pesqueiro de Galicia.

A xuntanza, na que tamén participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, serviu para avaliar a situación na que se atopan os preto dunha vintena de estaleiros, talleres e carpinterías de ribeira que hai en Galicia así como as dificultades derivadas da alerta sanitaria polo coronavirus. Neste sentido, a Xunta trasladou o seu compromiso coa construción naval en madeira así como coa formación da xente nova neste eido coa finalidade de garantir a remuda xeracional e a continuidade deste oficio. Boa parte das embarcacións de artes menores existentes en Galicia están construídas en madeira polo que constitúen por si mesmas unha importante mostra do patrimonio cultural e mariñeiro da comunidade.
 

Imaxes relacionadas