A Xunta adxudica o seguro coronavirus para dar cobertura a turistas e peregrinos que visiten Galicia e que entrará en vigor en menos de tres semanas

Cubrirá todos os custos sanitarios derivados dun posible caso de infección por covid-19 ou por corentena

A medida encadrase no marco da mensaxe de Galicia como destino seguro, de calidade e confiable no que a Xunta traballa desde o inicio da pandemia

Alfonso Rueda destaca que este seguro ofrecerá un plus de tranquilidade que contribuirá a recuperar a confianza dos visitantes
 

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2021

A Xunta traballa para recuperar a confianza dos viaxeiros con medidas como a posta en marcha da contratación do seguro coronavirus, que vén de adxudicar á empresa Europ Assistance, unha das cinco compañías que se presentaron ao concurso, trala resolución da mesa de contratación. A previsión do Goberno galego é activar este servizo nun prazo de menos de tres semanas co obxectivo de ofrecer tranquilidade aos turistas e peregrinos que visiten a comunidade mediante a cobertura dos custos sanitarios, de aloxamento ou transporte derivados dun posible caso de infección por covid-19.

Aemais dos custos médicos, cirúrxicos, farmacéuticos e de hospitalización ante un caso positivo por coronavirus, o seguro cubre tamén os gastos que poidan producirse pola repatriación sanitaria ou pola prolongación da estadía por corentena obrigada por prescripción médica, incluíndo os familiares ou acompañantes do viaxeiro.

A Xunta inviste 1,4 millóns de euros nesta medida pioneira, con coberturas que van desde os 500 euros ata un máximo de 15.000 euros no caso de repatriación sanitaria internacional. Será de balde para todos os visitantes con residencia fóra de Galicia que se aloxen nun establecemento regrado da comunidade galega. A única condición é que o viaxeiro non tivese contraído a enfermidades antes de chegar a Galicia e que non fixera a viaxe cando estea desaconsellado ou prohibido polas autoridades sanitarias en orixe.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destaca que este seguro “ofrece un plus de tranquilidade aos turistas e peregrinos e contribúe a reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro, de calidade e confiable” na que precisamente “o Goberno galego vén traballando desde o comezo da pandemia coa finalidade de recuperar a confianza dos visitantes neste Xacobeo 21-22”.

Así, incide en que a Xunta puxo en marcha tódalas medidas de prevención ante a covid-19 nos camiños, albergues e establecementos turísticos “actuando con planificación para que Galicia estea xa preparada para recibir aos visitantes nun destino con espazos abertos e en contacto coa natureza que lles permitirá desfrutar dun turismo tranquilo e sen masificacións”. Segundo explica Rueda, “estes valores e fortalezas de Galicia suporán unha vantaxe competitiva da comunidade ao adaptarse ás demandas e ao novo modelo de turismo que buscan os viaxeiros neste escenario postpandemia”.

O seguro coronavirus forma parte do plan de choque do sector turístico que inclúe outras medidas como as axudas ás axencias de viaxes e ao sector da turoperación, ás que o Goberno galego destinou 3,6 millóns para garantir a liquidez destes negocios cun importante papel na promoción de Galicia como destino seguro e na promoción do Ano Santo. Ademais, tamén se enmarcan neste plan iniciativas de fomento do consumo interno como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que tivo unha gran acollida ao esgotarse as tarxetas en só 12 horas, xunto coa reactivación do programa Elixe Galicia desde finais deste mes con estancias turísticas para determinados colectivos. Entre ambas iniciativas a Xunta prevé inxectar case 10 millóns de euros no sector turístico para axudarlle na súa reactivación.

Imaxes relacionadas