A convocatoria de bolsas BEME da Secretaría Xeral da Emigración para que galegos do exterior poidan facer mestrados nas universidades galegas obtén o maior número de solicitudes da súa historia

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou que 687 universitarios galegos interesáronse por estas bolsas, aínda que finalmente foron 470 os que pecharon a súa tramitación, un 55% máis que o ano anterior

Este ano se ofertan 200 prazas, 50 máis que o ano pasado

O Goberno galego destina este ano 1,72 millóns de euros a este proxecto que ten como obxectivo captar para Galicia o talento máis brillante entre os mozos e mozas galegas residentes no extranxeiro
 

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2021

A convocatoria de Bolsas Beme da Secretaría Xeral da Emigración para o próximo curso 2021/22 para que galegos ou descendentes de galegos do exterior poidan facer mestrados nas tres universidades galegas obtivo este ano o maior número de solicitudes da súa historia.

Para o próximo curso, as bolsas aumentarán das 150 de 2020 ata as 200 de cara a paliar as dificultades causadas pola pandemia da Covid-19. Nesta convocatoria iniciaron a súa tramitación 687 universitarios galegos, dos que ao final 470 puideron completar a solicitude, o que supón un 55% máis con respecto ao ano anterior. Este ano, presentáronse ás becas galegos ou descendentes de galegos de 30 países distintos, destacando Argentina, entre los americanos e Reino Unido entre os europeos. Tamén este ano presentáronse universitarios de países que nunca solicitaran beca, entre outros Cabo Verde, Dinamarca, Guatemala ou Perú.

O Goberno galego destina este ano 1,72 millóns de euros impulsando a captación dun total de 200 titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

Os beneficiarios destas bolsas de excelencia son galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, e deben acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior e estar admitido na prescrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.

A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno).

No actual curso 2020/21, 162 estudantes atópanse realizando un dos 146 mestrado que ofrecen a USC, a UVigo e a UDC, xa que algúns dos matriculados do ano anterior aínda continúan desenvolvendo os seus estudos que constan de 90 créditos.

Neste sentido, todos os beneficiarios destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos e mozas residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

Imaxes relacionadas