O titular de Medio Rural participou na inauguración do hotel La Rectoral, en Covelo, que se beneficiou dunha axuda da medida Leader

A Xunta pon a disposición dos 24 grupos de desenvolvemento rural 13 millóns de euros para levar a cabo proxectos que dinamicen o agro galego

Os interesados teñen de prazo ata o vindeiro 3 de xuño para enviar os seus proxectos ao GDR correspondente

O conselleiro puxo en valor este complexo hostaleiro, que combina o aloxamento rural coa actividade ecuestre

Este proxecto contou cunha axuda Leader de algo máis de 172.000 euros, xestionada polo GDR Condado-Paradanta

Durante o período 2014-2020, a Xunta aprobou un total de 1.151 proxectos cos que se conseguiron consolidar 2.636 empregos e crear outros 778 novos postos, cunha axuda pública de 62 millóns de euros
 

Covelo (Pontevedra), 14 de maio de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta tarde no municipio de Covelo na inauguración do “Hotel La Rectoral”, un proxecto que combina o aloxamento rural e o turismo ecuestre. Esta iniciativa foi beneficiaria das axudas Leader, que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a través dos distintos grupos de desenvolvemento rural (GDR).

Neste senso, o conselleiro lembrou que está aberto o prazo -ata o vindeiro 3 e xuño- para que os interesados en poder beneficiarse das axudas Leader presenten os seus proxectos ao correspondente GDR. Esta nova convocatoria, subliñou o titular de Medio Rural, conta cun orzamento de 13 millóns de euros para os anos 2021 e 2022, un presuposto que está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nun 2,5% pola Administración xeral do Estado e nun 22,5 % pola Xunta.

Así mesmo, o conselleiro lembrou que a través do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, onde está enmarcada a medida Leader, aprobáronse nese período un total de 1.151 proxectos (629 produtivos e 522 non produtivos) cos que se conseguiron consolidar 2.636 empregos e crear outros 778 novos postos, cunha axuda pública de 62 millóns de euros.

Precisamente, destacou José González, este hotel é unha mostra deste tipo de proxectos produtivos, que ademais cumpre cos obxectivos da medida Leader, xa que dota á zona de servizos que redundan na creación de emprego e garanten a sustentabilidade da actividade no rural. Ademais, asegurou, este tipo de hotel favorece a utilización dos recursos naturais e permite abrir un abano de posibilidades para os amantes da natureza e dos animais en xeral nun concello de longa tradición turística como é Covelo.

Rehabilitación dunha antiga casa grande

A rehabilitación deste hotel contou cunha axuda de algo máis de 172.000 euros, sobre un capital mobilizado de case 500.000 euros, que foi xestionada polo GDR 13 Condado-Paradanta na convocatoria de 2019-2020.

Este aloxamento está composto por unha planta baixa ou semisoto e unha planta alta, con patio interior. Ademais, ten unha extensa finca delimitada por muros de pedra, na cal se encontra situado un hórreo. O Hotel La Rectoral está destinado á actividade empresarial como aloxamento turístico e, a maiores, complementouse a obra coa edificación de apartamentos que incrementan a oferta, formando todo en conxunto un hotel rústico de tres estrelas.

Ademais, dito complexo conta cunhas instalacións próximas adecuadas e habilitadas para o aloxamento e coidado de cabalos e eguas, as cales están a disposición do aloxamento turístico.

Manifestación de Interese

Así mesmo, o conselleiro sinalou que este tipo de proxectos son os que se están a rexistrar con motivo da convocatoria de Manifestación de Interese de proxectos autonómicos do sector primario e agroalimentario galego, e doutros interesados neste eido.

Neste senso, José González lembrou que hoxe mesmo remata o prazo para que as pequenas e medianas empresas e outros interesados que queren optar aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, deseñado polo Goberno central, presenten as súas iniciativas.

Imaxes relacionadas