A Xunta comeza as obras do centro integral de saúde de Lalín, cun investimento de 9 M€ e o compromiso de ofrecer aos veciños de Deza un equipamento sanitario de vangarda a finais de 2022

Será unha infraestrutura de 5.500 m² na que se integrarán un Centro de Saúde e un Punto de Atención Continuada

Ofrecerá asistencia sanitaria de primeiro nivel a máis de 35.000 pacientes dos concellos de Lalín, Rodeiro, Agolada e Dozón, ademais de certas asistencias a pacientes de Silleda e Vila de Cruces

Contará cunha área asistencial, área pediátrica, diversas especialidades e unidades complementarias, como de hospitalización a domicilio, hemodiálise ou atención á muller

A Xunta duplicou este ano a partida de investimentos para Atención primaria, pasando de 26 millóns de euros en 2020 a 55 millóns de euros neste ano 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e os conselleiros de Sanidade e de Educación e Ordenación Universitaria supervisaron hoxe co alcalde de Lalín o inicio dos traballos de construción
 

Lalín (Pontevedra), 14 de maio de 2021

A Xunta comezou hoxe a construción do Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín, que supón un investimento autonómico de 9 millóns de euros e comeza a executarse co obxectivo de ofrecer aos veciños da comarca de Deza un equipamento sanitario de vangarda a finais do ano 2022.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez Mourelle, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, supervisaron hoxe, xunto ao alcalde de Lalín, José Crespo, o inicio dos traballos de construción do novo CIS, nun acto no que tamén participou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez.

O Centro Integral de Saúde de Lalín é o segundo destas novas instalacións sanitarias de referencia que se constrúe en Galicia, logo do que a Xunta está a executar na cidade de Lugo, e aos que pronto se sumará o CIS Olimpia Valencia de Vigo, actualmente en fase de redacción do proxecto.

Estará situado nunha parcela de máis de 15.000 m² do Alto de Vales e contará con boas comunicacións, pola proximidade da estrada N-525. O CIS contará cunha superficie de 5.500 m² na que se integrarán un Centro de Saúde e un Punto de Atención Continuada (PAC).

Nas súas instalacións haberá área asistencial, área pediátrica, especialidades médicas e unidades complementarias, como hospitalización a domicilio, saúde mental, hemodiálise ou atención á muller. O obxectivo da Xunta é ofrecer servizos sanitarios de primeiro nivel aos veciños de Lalín, Agolada, Rodeiro e Dozón, ademais de prestar certas asistencias aos veciños de Silleda e Vila de Cruces, beneficiando a máis de 35.000 persoas.

O conselleiro de Sanidade remarcou a “maior capacidade resolutiva” deste centro, que engadirá programas como os de rehabilitación do solo pélvico, enfermidades músculo-esqueléticas, ou o de rehabilitación cardíaca.

Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas asegurou que o CIS de Lalín será un “espazo acolledor, funcional e diáfano”, que se completará cunha praza que unirá as dúas entradas públicas ao edificio, unha zona verde e preto de 90 prazas de aparcadoiro, tanto para os pacientes como para o persoal sanitario.

Vázquez Mourelle destacou a relevancia sanitaria do novo equipamento, cuxa execución supón tamén un factor de dinamización da economía e do emprego, posto que, indicou, o investimento da Xunta de 9 millóns de euros na construción do Centro Integral de Saúde de Lalín leva aparellados preto de 170 postos de traballo do sector da obra pública.

O Centro Integral de Saúde de Lalín e comarca de Deza é unha actuación financiada pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.

Compromiso coa atención primaria

Na súa intervención, García Comesaña destacou a posta en marcha deste Centro Integral de Saúde como exemplo do compromiso da Xunta de Galicia coa atención primaria, lembrando que, desde 2009, o Goberno galego investiu máis de 100 millóns de euros na mellora das infraestruturas de atención primaria en Galicia.

Así, os Orzamentos da Xunta para 2021 duplican a partida de investimentos para Atención primaria, pasando de 26 millóns de euros en 2020 a 55 millóns de euros neste ano 2021. Na provincia de Pontevedra, ademais deste CIS, o conselleiro de Sanidade lembrou a recente posta en marcha do centro de saúde da Estrada, as obras en marcha no centro de saúde de Bouzas en Vigo, a próxima licitación da ampliación do centro de saúde do Porriño, a adxudicación dos proxectos do centro de saúde de Moaña e do CIS Olimpia Valencia de Vigo ou o remate de reformas cofinanciadas cos concellos nos centros de saúde de Cambados, Covelo ou Mondariz-Balneario.

Paralelamente á mellora das súas infraestruturas, a Xunta está a traballar na reforma organizativa da atención primaria executando o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 e traballando no Consello Técnico de Atención Primaria, órgano no que están representados todos os colectivos deste nivel asistencial, para deseñar os cambios precisos.

Nese sentido, o conselleiro de Sanidade agardou ter rematadas antes de finais de xuño as conclusións deste Consello Técnico relacionadas coa distribución de tarefas das distintas categorías que exercen o seu labor neste nivel asistencial e destacou a recente creación da nova Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, que terá entre as súas principais funcións a implantación destas conclusións.

Transporte público gratuíto para menores de 21

A conselleira de Infraestruturas apuntou que o Centro Integral de Saúde é unha nova mostra do compromiso do Goberno galego coa mellora da calidade de vida dos veciños de Lalín.

Así, referiuse aos avances no Plan director de saneamento, no que Augas de Galicia está a traballar da man do Concello, centrando os traballos no proxecto do tanque de tormentas do Pontiñas. E, mentres, redacta o proxecto construtivo da nova captación de auga no río Deza, para mellorar o abastecemento ao municipio.

Ethel Vázquez destacou especialmente o traballo para mellorar a mobilidade dos veciños de Lalín e de toda a comarca de Deza, ofrecendo máis e mellores servizos de transporte público.

Con ese obxectivo, avanzou que dentro dunha semana, o vindeiro venres 21 de maio, comezará a funcionar nas liñas de autobús que prestan servizo nos concellos de Deza a tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos viaxan gratis.

Vázquez Mourelle subliñou que se trata dunha medida moi demandada e agardada polo Concello de Lalín e apuntou o importante beneficio que suporá para os mozos que se desprazan cada día desde a vila a Santiago ou Ourense, así como para as súas familias.
 

Imaxes relacionadas