O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe por videoconferencia nesta reunión da Conferencia Sectorial para o Reto Demográfico

Galicia apela a retomar o traballo conxunto para conseguir unha estratexia nacional de reto demográfico que veña do consenso

Insta o Goberno central a concretar os orzamentos para facer fronte ao baixo índice de natalidade, a dispersión territorial, o sobreenvellemento ou a despoboación

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá na reunión da Conferencia Sectorial para o Reto Demográfico, na que apelou a retomar o traballo conxunto para conseguir unha estratexia nacional sobre a demografía que veña do consenso.

Jacobo Rey, na súa intervención, amosouse sorprendido por que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico decidiu deixar de lado a Estratexia na que levan anos traballando en conxunto cos goberno autonómicos, para poñer en marcha un plan que non conta coas achegas das Comunidades Autónomas.

Ademais, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica instou unha vez máis ao Goberno central a concretar as medidas e os orzamentos para facer fronte os baixos índices de natalidade, a dispersión territorial, o sobreenvellecemento ou a despoboación nalgunhas zonas.

Neste sentido, puxo en valor a Lei de impulso demográfico aprobada recentemente polo Parlamento galego, o primeiro texto con rango de lei aprobado en España sobre esta materia, que nace desde o diálogo coa sociedade civil e os grupos políticos, posto que se lle incorporou o 80% das alegacións que se lle fixeron.

Imaxes relacionadas