O presidente da Xunta visitou hoxe as novas instalacións de Iberconsa Seafood Processing

Feijóo garante o compromiso da Xunta co sector dos produtos pesqueiros, que xa superou a barreira dos 2.000 millóns de euros en exportacións

Precisa que en 2021 se destinarán 40 millóns de euros para investimentos en transformación e comercialización do sector

Lembra que entre 2009 e 2015, se puxeron á disposición desta industria máis de 260 M€ para desenvolver distintos proxectos para a mellora das estruturas da cadea mar-industria

“Galicia non sería o que é sen este sector, a súa imaxe e a súa marca non terían a proxección internacional que teñen”, afirma
 

Vigo, 14 de maio de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe o compromiso do Goberno galego co sector dos produtos pesqueiros que xa superou, resaltou, a barreira dos 2.000 millóns de euros en exportacións, o 10% do total das exportacións da Comunidade.

Durante unha visita ás novas instalacións de Iberconsa Seafood Processing, Feijóo salientou que falar deste sector é falar de Galicia e de Galicia Calidade: “Galicia non sería o que é sen este sector, a súa imaxe e a súa marca non terían a proxección internacional que teñen sen el”, sentenciou. Ao respecto, lembrou que entre 2009 e 2015 se puxeron á disposición desta industria máis de 260 millóns de euros para desenvolver distintos proxectos para a mellora das estruturas da cadea mar-industria. “E ímolo seguir facendo en 2021 cunha achega de 40 millóns de euros para investimentos en transformación e comercialización”, precisou.

O presidente da Xunta fixo fincapé en que a puxanza do sector é esencial para que o noso mar chegue, cada día, un pouco máis lonxe. Unha fortaleza, aseverou, que demostrou durante a pandemia e o contexto de loita contra o coronavirus. De feito, este segmento industrial mesmo logrou medrar en 2020, tanto dentro do mercado nacional como fóra.

Como exemplo da solidez desta industria, Feijóo referiuse a Iberconsa e as súas novas instalacións en Vigo, que reflicten a súa aposta por avanzar no posicionamento no mercado dun produto de calidade, así como no compromiso con Galicia e coa cidade olívica.

“Estamos a falar dunha das grandes compañías de transformación do complexo mar-industria de Galicia que factura máis de 300 millóns de euros e que conta cun cadro de persoal composto por preto de 4.000 empregados repartidos polos cinco continentes”, salientou.
 

Imaxes relacionadas