Emigración colaborará coa Fundación Ronsel para a posta en marcha do programa “Merlo” de mentores para emprendedores galegos retornados

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e Luís García Deber, vicepresidente da entidade, firmaron hoxe un convenio co obxectivo da posta en marcha desta iniciativa que apoiará e acompañará aos galegos retornados no desenvolvemento e consolidación dos seus emprendementos

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2021

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o vicepresidente da Fundación Ronsel, Luís García Deber, firmaron esta mañá un convenio de colaboración co obxectivo de apoiar dende a administración autonómica o programa “Merlo” de mentores para emprendedores galegos retornados.

Este programa ofrecerá mentores aos emprendedores galegos retornados de cara a o apoio e acompañamento no desenvolvemento e consolidación dos seus negocios ou actividades profesionais, “de xeito que poidan contar cunha maior garantía de éxito que favoreza a súa integración social e empresarial en Galicia”, explicou Rodríguez Miranda.

Os interesados poderán apuntarse e obter máis información a través do seguinte enlace: https://programamerlo.gal/

A Fundación Ronsel é unha entidade de carácter privado sen ánimo de lucro que ten como obxectivo o desenvolvemento e fomento económico galego, e, en particular, a creación de emprego, así como a mellora competitiva do tecido empresarial. Ten acreditada unha ampla experiencia no desenvolvemento de servizos de asesoramento para a orientación laboral e programas específicos dirixidos ás persoas migrantes, entre as que están incluídos os galegos emprendedores retornados, sendo un referente en Galicia no uso da ferramenta de mentoría e membro dende 2015 da Red de Youth Business Spain, coa que se desenvolve esta metodoloxía de promoción e apoio ao emprendemento dirixida ao autoemprego e a creación de emprego.

O programa Merlo, que desenvolve a Fundación Ronsel, e na que contará coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración, é unha iniciativa de mentores dirixido a emprendedores galegos retornados, no que se presta un servizo de acompañamento por medio dunha figura dun mentor que reforce as súas habilidades e fortalezas para potenciar e consolidar os seus proxectos profesionais cunha maior garantía de éxito, contribuíndo así a mellorar a súa competitividade e produtividade do seu negocio en Galicia.
 

Imaxes relacionadas