O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación do evento, que aposta por levar a cultura ao rural

O Festiletras volve este 17 de maio á aldea do Couto, en Ponteceso, co apoio da Xunta

O representante da Consellería de Cultura pon en valor o traballo da Fundación Eduardo Pondal para manter viva esta cita mesmo durante a pandemia

Ponteceso (A Coruña), 14 de maio de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou esta mediodía na presentación do festival Festiletras 2021, que volve o 17 de maio á Aldea do Couto, en Ponteceso, co apoio da Xunta de Galicia. Neste sentido, felicitou á Fundación Eduardo Pondal, organizadora da cita desde 1982, polo esforzo realizado para manter vivo este festival, mesmo o pasado ano no contexto da pandemia. Canda o secretario xeral de Cultura participou na presentación o xerente da Fundación Eduardo Pondal, José Manuel Varela.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade puxo en valor este festival como unha cita consolidada e “unha marca sustentable que quere transformar o medio rural nun enclave seguro e de confianza para garantir. “O Goberno galego –dixo– contribúe cada ano á realización deste festival para promover a difusión intensiva e a proxección da nosa cultura e das nosas letras desde esta incomparable contorna.
O secretario xeral celebrou, así mesmo, a iniciativa de dividir o evento en dúas datas, novidade que se incorporou o pasado ano. Deste xeito, o 17 de maio farase unha colocación de placas nas rúas da Aldea do Couto e pola tarde unha presentación literaria na Casa da Muller sobre textos de Xela Arias, homenaxeada no Día das Letras Galegas. Estas actividades completaranse coa presentación dun libro da poeta Fina Cousillas e coa entrega dos premios Literatas 2021. O programa pecharase cun concerto das artistas Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, que presentarán o seu álbum Aire. O resto das actividades, con programa aínda por pechar, retomaranse na primeira semana de setembro.
 

Imaxes relacionadas