O conselleiro do Medio Rural, acompañado do director da Agacal, visitou hoxe o invernadoiro construído para o CRA Mestre Manuel Garcés

A Xunta aprende aos nenos e nenas de Tomiño a plantar froitas e verduras coa instalación dun invernadoiro para o Colexio Rural Agrupado e coa entrega de carriños de cultivo a dous colexios

A construción -de 24 metros cadrados- permite ao alumnado adquirir coñecementos sobre agricultura ecolóxica para aplicalos na súa horta familiar

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria instalou outros dous invernadoiros no concello ourensán de Ribadavia e no coruñés de Coristanco, cun investimento total de 32.000 euros

Canto aos carriños de cultivo, a provincia de Pontevedra aglutina a meirande parte dos 107 repartidos en toda Galicia -en concreto, 44- no marco do programa para impulsar o consumo de froitas e hortalizas nas escolas

Os centros tomiñeses beneficiados destes sets de plantación son o CEIP plurilingüe de Tebra e o CEIP Barrantes

Tomiño (Pontevedra), 14 de maio de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, visitou este mediodía a escola unitaria de Vilameán, en Tomiño, onde o Goberno galego instalou un invernadoiro para que os nenos e nenas do Colexio Rural Agrupado (CRA) Mestre Manuel Garcés adquiran coñecementos sobre agricultura ecolóxica. Alí, o conselleiro destacou que outros dous centros educativos desta localidade pontevedresa recibiron senllos carriños de cultivo, no marco do programa para impulsar o consumo de froitas e hortalizas nas escolas.

No que respecta ao invernadoiro do CRA tomiñés, José González explicou que a instalación consta de 24 metros cadrados onde os pequenos desenvolven prácticas relacionadas co medio agrario e, máis concretamente, coa produción ecolóxica. O obxectivo é que os nenos e nenas tomen contacto con sistemas de produción libres de residuos como forma de obter alimentos sans e seguros, non só porque respectan o medio natural senón tamén porque estas producións cada vez teñen maior demanda no mercado.

Asesorados pola Oficina Agraria Comarcal do Rosal, os cativos e cativas están a aprender a plantar leituga, chícharos, repolo ou pementos, nunha iniciativa na que tamén participa o Centro de Experimentación do Baixo Miño, situado en Salceda de Caselas. Atendida por seis nenos e nenas de Educación infantil, a zona de cultivo será visitada por outros pequenos deste Colexio Rural Agrupado, para que -como os seus compañeiros- poidan aplicar os coñecementos adquiridos nas súas respectivas hortas familiares, ao tempo que se conciencian de cara ao futuro do sector.

Para o desenvolvemento deste proxecto, a Agacal conta coa colaboración do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). Cun investimento global próximo aos 32.000 euros, a Xunta construíu -a maiores deste invernadoiro de Tomiño- outras dúas instalacións idénticas nos CRA de Coristanco (A Coruña) e no de Francelos de Ribadavia (Ourense), coa mesma finalidade didáctica relacionada coa produción de horta en ecolóxico.

Impulso do consumo de froitas e hortalizas

O conselleiro do Medio Rural lembrou que o Goberno galego leva a cabo outras accións como os 107 carriños de cultivo que se están a entregar a outros tantos centros educativos, no marco do programa para impulsar o consumo de froitas e hortalizas nas escolas. Estes carriños están conformados por regador, pa, anciño, substrato e sementes de amorodos, tomates, cenorias, ourego ou leitugas, para que os cativos aprendan a plantar as súas propias froitas e verduras e logo poidan consumilas, a maiores das que tamén reciben mediante este programa.

Cabe destacar que a provincia de Pontevedra aglutina 44 dos carriños entregados este curso, mentres A Coruña recibe 35, Lugo 18 e a provincia de Ourense 10. Dous deles beneficiarán dous colexios tomiñeses. En concreto, o CEIP plurilingüe de Tebra e o CEIP Barrantes.

A maiores, José González apuntou que a Xunta leva destinado case 6 millóns de euros nos últimos catro anos ao seu programa galego de consumo de leite e froita nas escolas, cunha media por curso de 121.213 nenos e 471 centros beneficiarios das reparticións de froita, e de 39.615 alumnos e 218 escolas no caso do leite. Canto ao volume de produto, á espera de que se concrete o correspondente ao presente curso, dende o 2017/2018 distribuíronse nos colexios galegos máis de 469 toneladas de froitas (as máis consumidas son o plátano, a mazá e a mandarina) e case 906.000 litros de leite.

Imaxes relacionadas