A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural asistiu á presentación da campaña “Sinte cos cinco sentidos”

A Xunta destina case 20.000 euros a promocionar a reserva da biosfera "Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo" como primeiro destino de ecoturismo certificado da nosa comunidade

A Axencia de Turismo de Galicia, dependente da Vicepresidencia primeira da Xunta, financia o 80% da campaña promocional, mentres a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural aporta o restante 20%

Coa axuda concedida, a Consellería do Medio Rural busca dar a coñecer o territorio que comprende o GDR Mariñas-Betanzos e os seus recursos, así como a súa estratexia de desenvolvemento local

A promoción estará presente na Feira internacional de turismo (Fitur), que comeza en Madrid o vindeiro mércores 19 de maio

A Coruña, 14 de maio de 2021

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, asistiu hoxe á presentación da campaña “Sinte cos cinco sentidos”, financiada pola Xunta para promocionar a Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” como primeiro destino de ecoturismo certificado da nosa comunidade. A promoción estará presente na Feira internacional de turismo (Fitur), que comeza en Madrid o vindeiro mércores 19 de maio.

A campaña que hoxe se presentou foi financiada con preto de 20.000 euros por parte do Goberno galego. En concreto, un 80% procedeu da Axencia Turismo de Galicia -dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo- ao abeiro do Convenio de Xeodestino. O 20% restante aportouno a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a través do GDR Mariñas-Betanzos.

Así, coa axuda concedida, a Consellería do Medio Rural busca dar a coñecer o territorio que comprende este grupo de desenvolvemento rural coruñés e os seus recursos, así como a súa estratexia de desenvolvemento local. O proxecto presentado para acollerse a subvención comprendía non só a campaña audiovisual dada a coñecer hoxe senón tamén accións en redes sociais ou medios de comunicación.

Cómpre sinalar que o Club Ecoturismo en España está xestionado pola Asociación de Ecoturismo en España e o seu obxectivo é promocionar os destinos, empresas e experiencias de ecoturismo, apoiar a súa comercialización a nivel nacional e internacional, así como prestar apoio técnico, acompañamento e formación ás entidades adheridas. A Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” solicitou en 2019 a súa incorporación a este club, que se materializou o ano pasado no marco de FITUR.

Convocatoria Leader

Cabe lembrar que continúa aberto -ata o vindeiro 3 e xuño- o prazo para que os interesados en beneficiarse das axudas Leader presenten os seus proxectos ao correspondente grupo de desenvolvemento rural. Esta nova convocatoria conta cun orzamento de 13 millóns de euros para os anos 2021 e 2022, un presuposto que está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nun 2,5% pola Administración xeral do Estado e nun 22,5 % pola Xunta.

A través do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, onde está enmarcada a medida Leader, aprobáronse nese período un total de 1.151 proxectos (629 produtivos e 522 non produtivos) cos que se conseguiron consolidar 2.636 empregos e crear outros 778 novos postos, cunha axuda pública de 62 millóns de euros.

Imaxes relacionadas