A Xunta colabora co Concello de Monterrei no equipamento da Casa Consistorial e na mellora dun inmoble de uso social en San Cristovo

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe os traballos realizados no edificio ao abeiro dunha axuda da Orde de Infraestruturas de uso público

A Administración galega asinou tamén un convenio co Concello para a instalación de carpintería exterior nunha edificación destinada a sala de reunións

Monterrei (Ourense), 14 de maio de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o concello de Monterrei para comprobar as obras de mellora no mobiliario e equipamento informático da casa consistorial ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público, ademais de coñecer os traballos de carpintería exterior realizados nun edificio destinado a sala de reunións no lugar de San Cristovo.

A Xunta destinou 25.391 euros aos traballos realizados na casa consistorial de Monterrei coa finalidade de completar o seu equipamento despois de que se levaran a cabo obras de rehabilitación integral e de ampliación do edificio. A achega da Administración autonómica encádrase na Orde de Infraestruturas de uso público, que destina 4 millóns de euros desta liña de axudas aos concellos galegos para crear ou mellorar infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

Por outra banda, a Xunta asinou un convenio co Concello de Monterrei para a instalación da carpintería exterior dunha edificación destinada a sala de reunións. Neste espazo, onde se sitúa a mesa electoral do lugar de San Cristovo e que empregan habitualmente os veciños para a realización de cursos e reunións, fixéronse obras de acondicionamento, pero quedaba pendente a reparación das fiestras, labores que contaron cunha achega de 13.550 euros destinada á instalación de carpintería exterior para a mellora da eficiencia enerxética do inmoble.

O Concello de Monterrei recibiu na última década máis de 615.000 euros en axudas da Administración galega, tanto da Orde de Infraestruturas de uso público como do Fondo de Cooperación Local -que conta cunha partida de 11 millóns-, así como doutras liñas de colaboración destinadas a mellorar os equipamentos e servizos dos concellos galegos en beneficio da calidade de vida dos seus veciños.

Imaxes relacionadas