O Sergas segue a cumprir os compromisos fixados no Plan de Saúde Mental cunha nova unidade especializada en Ordes

A unidade estará integrada por 5 profesionais e dará asistencia aos concellos de Ordes, Frades, Mesía, Tordoia e Trazo

O novo servizo sanitario enmárcase dentro do Plan de Saúde Mental de Galicia polo que a área sanitaria compostelá pasará a ter oito unidades desta especialidade
 

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou esta mañá a nova Unidade de Saúde Mental do Centro de Saúde de Ordes, e que prestará atención aos doentes dos concellos de Ordes, Frades, Mesía, Tordoia e Trazo. Con este novo servizo sanitario, a Xunta de Galicia continúa a cumprir os compromisos fixados no Plan de Saúde Mental 2020-24.

Na compaña da xerente da área sanitaria Santiago-Barbanza, Eloína Núñez; e o alcalde de Ordes, Jose Luís Martinez, o responsable da carteira sanitaria do Executivo galego destacou que con estas novas dependencias a área sanitaria de Santiago-Barbanza contará cun total de oito unidades especializadas en Saúde Mental.

Desde este mes de maio, a comarca de Ordes conta cunha relevante mellora asistencial ao incorporarse ao seu centro de Saúde cinco novos profesionais -1 psicólogo, 2 psiquiatras, 1 enfermeira e 1 Traballador Social-. Así, o seu labor permitirá avanzar no tratamento, prevención e rehabilitación dos trastornos mentais, así como diminuír o seu impacto tanto nos pacientes como nas súas familias e achegados.

O titular de Sanidade subliñou que “a posta en marcha desta unidade é un avance para a área sanitaria de Santiago, e tamén un claro exemplo da transformación que está a vivir no seu conxunto o sistema sanitario galego, á hora de prestar unha atención máis completa e máis especializada no referente á saúde mental”.

A unidade especializada en doenzas mentais de Ordes é a primeira das tres cuxa creación está prevista no Plan de Saúde Mental durante este ano 2021, xunto ás que se desenvolverán no concello de Oleiros, na área sanitaria da Coruña; e a que se artellará en Tui, na área de Vigo.

Avance do Plan de Saúde Mental

O novo servizo asistencial do centro de Saúde de Ordes, enmárcase dentro do Plan de Saúde Mental aprobado pola Xunta de Galicia o pasado mes de xullo, e cuxa dotación orzamentaria ascende até os 83 millóns de euros para o exercicio 2020-2024.

Durante o ano 2021, a partida destinada pola Administración galega para este Plan superará os 12 millóns de euros, unha cifra que supón un incremento de 4 millóns respecto ao 2020. Este orzamento, será empregado para acadar durante o presente ano as 120 contratacións de novos profesionais, o que representa o 50%, das 241 incorporacións previstas para o período de vixencia do Plan de Saúde Mental.

Na área sanitaria de Santiago-Barbanza, o Plan de Saúde Mental tamén prevé incrementar en 18 as prazas do ámbito da rehabilitación psiquiátrica na capital galega. Neste senso, a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas xa está a traballar coa área sanitaria na definición do plan funcional desta unidade de rehabilitación, así como na previsión das obras que vai supoñer a súa posta en marcha.

Así mesmo, nestes intres estanse a impulsar a posta en marcha do resto de programas pendentes, que figuran nos Acordos de Xestión. Así, avanzase no proceso de cobertura de 12 prazas para os 4 hospitais de día infantoxuvenís, nas áreas de área de Santiago, Lugo, Vigo e Ourense.

Co ánimo de reforzar os programas de hospitalización psiquiátrica a domicilio tamén se cubrirán 11 prazas nas especialidades de psiquiatría, traballo social, enfermería e auxiliar de enfermaría. Ademais, de ampliaranse os equipos de atención psiquiátrica nos centros sociosanitarios, con 19 novas prazas.

De acordo á evolución do Plan, até o de agora a Xunta xa puxo en marcha 7 programas de enlace hospitalario, que inclúen a realización do programa de apoio psicolóxico aos profesionais sanitarios “Cóidate para coidar” no marco do Plan de apoio psicosocial; xunto co programa de prevención do suicidio na área sanitaria de Vigo.

Ademais, o Plan de Saúde Mental 2020-24 tamén contempla a creación dunha unidade de psicoxeriatría en Ourense con 3 prazas, e a cobertura de 9 prazas -un psiquiatra, un psicólogo e unha enfermeira- nas áreas da Coruña, Lugo e Pontevedra, onde botarán a andar os programas de prevención de suicidio.
 

Imaxes relacionadas