A Xunta valora a divulgación da antropoloxía galega na mostra “O traxe festivo da muller aldeá nas terras de Lugo”

O vicepresidente primeiro participou na clausura da mostra, que conta cunha achega do programa O Teu Xacobeo

Lugo, 13 de maio de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta participou na clausura da mostra “O traxe festivo da muller aldeá nas terras de Lugo”, unha exposición aberta ao público no centro cultural O Vello Cárcere de Lugo e que contou cunha achega do programa O Teu Xacobeo.

Alfonso Rueda destacou o esforzo da organización por divulgar a antropoloxía galega a través do traballo de recollida realizado polo obradoiro artesán Traxandaina, rexistrado coa marca Artesanía de Galicia e que conta co recoñecemento do Selo de Patrimonio Europeo do ano 2018.

O proxecto, impulsado polo grupo El Progreso, permitiu recoller réplicas de traxes de mulleres do século XIX con tecidos feitos na casa en teares de liño e lá, e tamén panos, veludos ou agremáns feitos a man, picotes, candís e bureis, todo confeccionado con materiais respectuosos co medio ambiente.

A exposición consta de 12 manequíns con pezas seleccionadas entre as moitas vestimentas documentadas ou recollidas en casas da provincia de Lugo, nos concellos de Baleira, A Fonsagrada, Castroverde, O Corgo, Sarria, Portomarín ou Guntín, entre outras localidades. A mostra complétase con traxes de homes para os que se recuperaron os patróns da época.

Son vestimentas feitas polas primeiras máquinas de coser e polas primeiras costureiras que ían polas casas para facer traxes a medida.

A segunda edición do programa O Teu Xacobeo permitirá desenvolver un total de 220 propostas orientadas a dinamizar a programación sociocultural do Xacobeo 2021-22, á que destina un investimento de case 3,3 millóns de euros.

 

Imaxes relacionadas