A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe esta senda executada en ambas as marxes da estrada autonómica OU-143

Ethel Vázquez salienta o investimento da Xunta de 180.000 € no novo itinerario de Albarellos, que facilita aos veciños de Monterrei desprazamentos máis comodos e seguros

Vázquez Mourelle subliña que o obxectivo da intervención é incrementar a seguridade dos peóns, que son usuarios vulnerables das estradas

Concreta que a senda se rematou a finais de marzo e desde a Semana Santa os veciños xa desfrutan deste novo itinerario peonil de 340 metros de lonxitude

A senda coincide coa traza do Camiño de Santiago, favorecendo tamén o tránsito dos peregrinos que se achegan a Compostela empregando a Vía da Prata

Para mellorar o acceso dos veciños ao transporte público, habilitáronse dúas paradas de autobús e instalouse unha nova marquesiña
 

Monterrei (Ourense), 13 de maio de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou o investimento da Xunta de 180.000 euros no novo itinerario de Albarellos, que facilita aos veciños de Monterrei desprazamentos máis cómodos e seguros.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe o resultado da nova senda construída en ambas as marxes da estrada autonómica OU-143, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria, poñendo o acento nos peóns, que son usuarios vulnerables das estradas.

Concretou que a actuación se rematou a finais de marzo e desde a Semana Santa os veciños desfrutan deste novo itinerario peonil de 340 metros de lonxitude e cun ancho mínimo de 1,9 metros. O proxecto tamén preveu zonas rebaixadas para facilitar as entradas de vehículos.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade subliñou que esta senda transcorre polo núcleo rural de Albarellos e coincide coa traza do Camiño de Santiago, polo que facilita o tránsito dos peregrinos que se achegan a Compostela empregando a Vía da Prata.

Remarcou que tamén se habilitaron dúas paradas de autobús para mellorar o acceso dos veciños aos servizos de transporte público.

Ademais colocouse unha nova marquesiña, fabricada con madeira autóctona, co deseño unificado que a Xunta está a empregar para avanzar nunha imaxe recoñecible das marquesiñas de Galicia, tamén mellor integradas na contorna.

Este refuxio ofrece aos usuarios do autobús protección fronte ás inclemencias do tempo e mellora a comodidade durante a espera.

Imaxes relacionadas