Medio Ambiente mantén o servizo de análise sanitaria das poboacións piscícolas dos ríos galegos

Este contrato acaba de ser adxudicado á Universidade de Santiago de Compostela por un importe de preto de 70.000 euros

A USC encargarase da toma de mostras para a vixilancia e control do estado sanitario dos seres que habitan as augas galegas nos vindeiros dous anos
 

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2021

A Xunta de Galicia acaba de asinar o contrato polo que se mantén o servizo de análise sanitaria da ictiofauna dos ríos e dos centros ictioxénicos da Administración autonómica durante os anos 2021 e 2022.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda firmou o acordo coa Universidade de Santiago de Compostela, por un importe de preto de 70.000 euros.

Así, esta institución académica prestará o servizo de avaliación de riscos e análise de mostras para a vixilancia e control do estado sanitario das poboacións piscícolas dos ríos, dos procesos patolóxicos que poidan afectalas e das condicións sanitarias dos centros ictioxénicos da Xunta.

Cómpre lembrar que os centros ictioxénicos da Administración autonómica son os que se atopan inscritos no Rexistro de explotacións gandeiras (REGA): os de Carballedo (Cerdedo-Cotobade), O Carballiño, O Veral (Lugo) e, dependendo deste último, o de Goó (O Incio).
Desde a Consellería recórdase que este tipo de análises permiten avaliar os riscos e a diagnose de patoloxías de orixe bacteriana, vírica, fúnxica ou parasitaria. Asemade, o contrato asinado tamén inclúe estudos toxicolóxicos no marco de investigacións de mortaldades acontecidas no medio natural.

Así, as analíticas que se realicen nos centros ictioxénicos consistirán no exame do estado sanitario dos reprodutores, do estado sanitario da produción con destino á repoboación e do estado sanitario do centro de cultivo como consecuencia de incidencias (mortaldades anormais, baixo rendemento, sospeitas de patoloxías, etc).

No que respecta ás poboacións piscícolas no medio natural, as análises a realizar consistirán en comprobacións periódicas do estado sanitario das poboacións salvaxes a partir de mostras obtidas no medio natural e da análise de mortaldades ou outras incidencias acontecidas no medio natural.

Por último, sinalar que este contrato para o servizo de análise sanitaria da ictiofauna dos ríos e dos centros ictioxénicos da Xunta de Galicia durante 2021 e 2022 está cofinanciado nun 75 % pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rexional (FEADER), dentro do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020 (PDR).
 

Imaxes relacionadas