O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá na presentación do estudo de Asime sobre as potencialidades e desenvolvemento da eólica mariña en Galicia

A Xunta destaca o potencial e a capacidade instalada coa que conta Galicia para impulsar a eólica mariña

Conde subliña a vontade da Administración galega de afondar nas posibilidades que esta enerxía renovable ofrece á industria e á economía da Comunidade a través do consenso e garantindo o seu desenvolvemento desde o respecto ás actividades pesqueiras e á preservación do ecosistema mariño

Informou da predisposición da Xunta a constituír un observatorio que identifique oportunidades e analice o impacto destes parques

Lembra que entre os obxectivos recollidos na proposta do Pacto de Estado por Ferrol está o estudo do desenvolvemento do sector da eólica mariña a través dun Hub

Galicia agarda que o Goberno central aproveite esta oportunidade de colaborar a través da asignación de fondos europeos e da firma do Pacto de Estado por Ferrol
 

Vigo, 13 maio de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá, en Vigo, no acto de presentación do estudo de Asime Potencialidades e desenvolvemento da eólica mariña en Galicia, no que destacou o potencial e a capacidade instalada coa que conta Galicia para impulsar esta enerxía renovable.

Conde, que estivo acompañado da directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, agradeceu a Asime a súa iniciativa para elaborar este informe que constata non só o potencial galego, senón tamén o interese cada vez maior do tecido produtivo por desenvolver proxectos vinculados a este sector. Recoñeceu, ademais, a aposta firme que esta entidade vén realizando durante os últimos anos pola eólica mariña e que se materializa na constitución do Galician Offshore Energy Group, autor do estudo e que aglutina a unha trintena de empresas deste eido.

O vicepresidente económico explicou que tanto o marco nacional como o europeo, sumados ao contexto actual, invitan a afondar nas posibilidades da eólica mariña para a industria e a economía da Comunidade. Neste sentido, amosou a vontade da Xunta de avanzar nese camiño pero sempre da man do sector industrial, do marítimo-pesqueiro e das entidades e organizacións vinculadas a esta actividade. Así, incidiu en que a prioridade é o diálogo, o consenso e a transparencia para garantir que o desenvolvemento desta tecnoloxía se realice desde o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do ecosistema mariño.

Conde lembrou a predisposición da Xunta a constituír un observatorio que se converta nun punto de encontro para o diálogo entre administración, sector e axentes sociais co obxectivo de identificar oportunidades e analizar o impacto destes parques nas costas galegas.


Ademais, subliñou que os fondos Next Generation serán unha grande oportunidade para este tipo de proxectos e explicou que a Xunta recolle dentro das propostas do Pacto de Estado por Ferrol estudar o desenvolvemento do sector da eólica mariña a través dun Hub de eólica offshore no que se recolla a consolidación desta enerxía renovable no ámbito industrial e o impulso necesario para levar adiante proxectos de xeración.

Neste sentido, o vicepresidente económico concluíu agardando que o Goberno demostre tamén o seu espírito de colaboración con Galicia: “Ten agora a oportunidade de demostralo firmando o Pacto de Estado por Ferrol e asignando fondos europeos para Galicia”.
 

Imaxes relacionadas