A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participa na primeira conferencia deste programa que tivo lugar na cidade herculina

A Xunta de Galicia arranca o ciclo de charlas formativas para a mocidade universitaria ao abeiro de Primavera Xove

Nesta primeira xornada celébranse charlas na Coruña, Vigo e Ourense centradas nas redes sociais, na innovación e sobre a creación de contido

A Coruña, 12 de maio de 2021

A Xunta de Galicia deu comezo esta tarde ao primeiro ciclo de encontros de aprendizaxe e ocio educativo para a mocidade universitaria do programa Primavera Xove. Neste primeiro período ofrecéronse diferentes charlas na Coruña, Ourense e Vigo con distintos poñentes recoñecidos para ofrecer á xuventude galega opcións de lecer de forma saudable no actual contexto de pandemia.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu ao encontro celebrado na cidade herculina no que o tema principal foron as redes sociais, o internet e a dixitalización. Ademais da directora xeral, tamén participaron a especialista en márketing, Jessica Bardanca, e a xornalista e influencer, Patricia García (@donkeycool).

Cristina Pichel explicou que estas iniciativas, enmarcadas en Primavera Xove, son unha oportunidade única para garantir que a xuventude manteña un ocio seguro ao tempo que segue desfrutando de foros formativos e espazos de entretemento.

Emprendemento e creación de contido

Ademais da conferencia na Coruña, tamén se celebraron outras dúas en Vigo e en Ourense. Na primeiro, abordouse o emprendemento innovador baseándose nas experiencias das empresas Alén Space, Coinscrap e Chupipostres. A maiores, os asistentes puideron participar nun obradoiro co consultor de márketing e emprendemento, Javier Varela.

No caso de Ourense, levouse a cabo un encontro onde a creación de contido, as competencias e as habilidades foron os temas protagonistas. A iniciativa contou coa participación de Coque Macho e José Rodríguez Gago, que propuxo un obradoiro de oratoria e comunicación.

Para máis información sobre a programación da iniciativa Primavera Xove: http://xuventude.xunta.es/primavera-xove.