O conselleiro do Medio Rural deu conta no Pleno da Cámara das novidades da convocatoria da Manifestación de interese de proxectos autonómicos

A Xunta recibiu arredor de 640 proxectos de pequenas e medianas empresas do sector primario e agroalimentario galego para optar a fondos europeos

Lembrou que, debido á gran demanda existente no sector, a Consellería decidiu ampliar ata o 14 de maio o prazo para presentar estes proxectos

Con esta Manifestación búscanse aquelas iniciativas que sexan susceptibles de optar aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, deseñado polo Goberno central

A convocatoria permitirá visibilizar proxectos promovidos por pequenas e medianas empresas coa finalidade de poñer en produción ata 18.000 hectáreas de terra abandonada e de desenvolver 200 aldeas modelo, utilizando os instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

Os interesados poderán enviar as súas propostas a través dun sinxelo formulario online ou ao enderezo de correo electrónico proxectos.medio-rural@xunta.gal
 

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, compareceu hoxe no Pleno da Cámara para dar conta da acollida “extraordinaria” que está tendo a convocatoria da Manifestación de interese de proxectos autonómicos do sector primario e agroalimentario galego, así como doutros interesados neste eido. Así, avanzou que a Xunta recibiu -a día de hoxe- 637 proxectos de pequenas e medianas empresas que queren optar aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, deseñado polo Goberno central. Sinalou, en concreto, que remitiron propostas “dende o viticultor máis pequeno ao gandeiro que precisa máis base territorial”.

Nesa liña, o conselleiro sinalou que a gran maioría das iniciativas presentadas están vinculadas -precisamente- a proxectos que demandan base territorial e lembrou que, debido á gran demanda existente no sector, a Consellería decidiu ampliar o prazo de presentación de iniciativas ata este venres 14 de maio, co fin de facilitarlles aos interesados o envío de propostas e documentación. Así, dixo, recibíronse propostas de “cooperativas de gandería de vacún de carne e de leite, de viticultura, de horta e moita demanda de aldeas modelo”, entre outras.

Cómpre sinalar que todos aqueles que queiran mellorar as solicitudes xa presentadas poderán realizalo ata ese 14 de maio, téndose en conta a última proposta presentada. De aí que o titular de Medio Rural fixera un novo chamamento á participación cidadá nesa Manifestación de interese, co fin de que todos aqueles que queiran desenvolver a súa actividade poidan optar a fondos europeos.

Solicitude simplificada

Para facilitar o procedemento de presentación de propostas, o Goberno galego habilitou recentemente un sinxelo formulario online, dispoñible na web da Consellería do Medio Rural pinchando no seguinte enlace. Trátase dunha presentación simplificada, que tan só require cubrir dita solicitude como apoio á documentación que se xunte para aspirar aos referidos fondos.

Así mesmo, as Manifestacións de interese de proxectos autonómicos tamén se poderán enviar ao enderezo de correo electrónico proxectos.medio-rural@xunta.gal, aportando un breve informe ou documentación adicional que proporcione información relevante sobre a iniciativa presentada.

Posteriormente, a avaliación dos proxectos será levada a cabo pola Consellería do Medio Rural, en colaboración cos organismos e entidades que impulsen os compoñentes aos que se orienten os proxectos presentados.

Iniciativa de carácter non vinculante

Durante a súa intervención, o titular de Medio Rural subliñou que a convocatoria de Manifestación de interese de proxectos autonómicos é unha iniciativa de carácter non vinculante que permite identificar os interesados en participar nos proxectos tractores e transversais impulsados pola Consellería do Medio Rural ao abeiro dese Plan nacional, ao tempo que axudará a definir as liñas estratéxicas de actuación no rural galego.

Cómpre sinalar que o obxectivo final deste Plan nacional é a reactivación económica a curto e medio prazo e a transición cara a unha economía sostible e resistente a longo prazo. Nesa liña, e no marco desta iniciativa, a Xunta presentou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e ao de Industria, Comercio e Turismo o "Polo para a transformación de Galicia", como un proxecto transformador que promoverá o desenvolvemento de catro proxectos tractores e catro proxectos transversais, cos que afrontar os catro grandes retos (transición ecolóxica, transición xusta, transición dixital e loita contra o despoboamento e o reto demográfico).

Precisamente unha parte destes proxectos tractores e transversais están dirixidos a apoiar o sector primario galego. De xeito específico, o proxecto de biofábrica de fibras téxtiles sostibles -que ten por obxectivo pechar o ciclo da transformación da madeira en Galicia- suporá un forte impulso do noso sector forestal na liña que marca o Plan Forestal 2021-2040 cara á multifuncionalidade e a diversificación do monte galego.

Tamén se contempla a implementación dos instrumentos recollidos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, aprobada onte mesmo no Parlamento, para promover a bioeconomía e a calidade de vida no noso rural. En concreto, este proxecto tractor leva asociada a posta en produción de 18.000 hectáreas de terra abandonada no rural galego para usos agrícolas, gandeiros ou forestais, así como a posta en marcha de 200 aldeas modelo.

Por outra banda, a Consellería está preparando o Plan Estratéxico para a execución dos fondos Feader no período 2023-2027, como base fundamental sobre a que se asenta o deseño dos instrumentos de apoio e impulso por parte da Administración pública aos diferentes proxectos empresariais que se van desenvolver no sector primario e agroalimentario galego.

Deste xeito, a través desta convocatoria búscase identificar proxectos ou iniciativas que contribúan a definir as liñas de actuación no sector primario e agroalimentario galego, así como aquelas entidades interesadas en desenvolvelas, para garantir a eficacia tanto do Plan de recuperación, transformación e resiliencia como dos instrumentos de apoio e promoción a partir dos fondos Feader para o próximo período. Ao tempo, a información recollida permitirá visibilizar os proxectos promovidos por pequenas e medianas empresas, posibilitando deseñar fórmulas de financiamento ou outros mecanismos de apoio axeitados, así como os parámetros técnicos que deben rexer, no seu caso, a avaliación ou selección das accións para acceder a ditos mecanismos.

En concreto, o conselleiro do Medio Rural afirmou que se pretende identificar iniciativas que persigan o desenvolvemento do emprendemento no rural galego, dinamizando demográfica e economicamente as zonas rurais de Galicia, así como a mellora das explotacións agrarias para reforzar a súa sostibilidade ou o impulso á bioeconomía. Tamén se quere promover a transición enerxética como panca de atracción de actividade e poboación a partir da enerxía sostible e accesible, utilizar novos modelos de negocio agroalimentario adaptados á economía verde e á transición ecolóxica e aumentar a produción orientada a produtos baixo selos de calidade diferenciada. A maiores, outra das finalidades é desenvolver proxectos do sector agroalimentario que atendan aos compoñentes principais do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

As Manifestacións de interese de proxectos autonómicos poden atoparse no seguinte enlace:
https://mediorural.xunta.gal/es/recursos/manifestacion-interese-proxectos-autonomicos

Imaxes relacionadas