A Xunta licita a renovación das cubertas e parte das fachadas do CEIP Vilaxoán de Vilagarcía e do IES As Bizocas do Grove cun investimento de 415.000€

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anuncia que mañá abrirase o proceso de contratación en senllas visitas aos centros con representantes municipais e educativos

O representante autonómico explica que o comezo de ambas obras prevese para o inicio do verán coa desmontaxe dos teitos existentes para garantir a seguridade

“As actuacións oriéntanse a reforzar a impermeabilización e o illamento de dous centros que acollen a case 450 alumnos e docentes”, detallou Luis López
 

Vilagarcía de Arousa-O Grove, 12 de maio de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vai abrir na xornada de mañá os procesos de licitación das obras de renovación das cubertas e de parte das fachadas no CEIP de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, e no IES Plurilingüe As Bizocas, no Concello do Grove, cun orzamento global de case 415.000 euros.

A apertura deste proceso de contratación foi anunciada esta tarde polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, en senllas visitas realizadas aos centros xunto ao xefe territorial de Educación, César Pérez, e representantes municipais e educativos. No seu percorrido, concretou que a intención do Goberno galego pasa por adxudicar as obras nunhas semanas para arrancar cos traballos a comezos de verán e desenvolvelos integramente, cos seus prazos de execución de dous meses, durante o período non lectivo.

“Con esta actuación, a Xunta atende unhas melloras das comunidades educativas que tamén foran detectadas polos servizos técnicos da Consellería e prosegue co proceso de modernización dos centros da provincia cos criterios do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, ao abeiro do que investiremos 191 millóns de euros nesta lexislatura para que os colexios e institutos sexan espazos máis confortables, multifuncionais, ventilados, versátiles e seguros no eido sanitario”, detallou o delegado.

A actuación proxectada no IES As Bizocas, na que se investirán 140.000 euros, beneficiará ao edificio principal e ao pavillón, cuxas cubertas presentan diversas patoloxías por mor do paso do tempo, e tamén aos sistemas de recollida de pluviais, xa que están deteriorados, producindo rebordamentos, goteos e vertidos de auga polas fachadas.

As obras consistirán na reparación e substitución destas cubertas, comezando polo recoñecemento previo do seu estado antes de proceder á súa desmontaxe, que se efectuará durante o período non lectivo do verán por cuestións de seguridade.

Posteriormente, instalaranse novas cubertas de chapa de aceiro galvanizado con sistemas de illamento, acometerase unha pequena mellora en certas partes da fachada e substituiranse todas as baixantes e canalóns para controlar as escorrentías da choiva.

Con respecto ao colexio de Vilaxoán, destinaranse 275.000 euros para renovar as cubertas actuais, tamén deterioradas e que nalgúns casos están construídas con fibrocemento, e para corrixir os rebordamentos de canalóns e baixantes.

Tras a retirada dos teitos existentes, procederase a colocar novas cubertas de 30 milímetros de grosor en chapa de aceiro galvanizado e dotación de escuma de poliuretano como illamento sustentadas en viguetas de formigón. Tamén se acometerá a substitución dos paneis defectuosos da fachada por unha nova envolvente e se mudará o sistema de recollida de pluviais.

“As actuacións oriéntanse a mellorar a confortabilidade dos dous centros cunha modernización dos sistemas de impermeabilización e illamento das súas instalacións, o que beneficiará ás case 450 persoas, entre alumnos e docentes, que conforman as súas comunidades educativas”, concluíu o delegado territorial.

Imaxes relacionadas