O Sergas publica a relación definitiva de persoas admitidas nas probas selectivas para o acceso a diversas categorías de persoal sanitario licenciado e de formación profesional

Resultaron admitidos, con carácter definitivo, un total de 8.812 aspirantes para cubrir as 1.311 prazas que se ofertan

Está previsto que os exames da fase de oposición se realicen a partir da segunda quincena de setembro baixo un estrito protocolo de medidas organizativas e hixiénico sanitarias como consecuencia da pandemia

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas, nas probas selectivas para o acceso a 1.311 prazas que se distribuirán en 42 categorías e especialidades de persoal licenciado sanitario, e outras 6 de persoal técnico sanitario.

Dun xeito desagregado, das 1.311 prazas -correspondentes ás ofertas acumuladas de 2018, 2019 e 2020-, 996 correspóndense con 42 categorías de persoal licenciado sanitario.

Entre outras, 89 prazas pertencen á categorías de médico de urxencias hospitalarias, 10 a de médico asistencial do 061, e outras 5 a de médico de admisión e documentación clínica. Ademais, completan a oferta desde categoría outras 892 prazas pertence ás seguintes especialidades de facultativo de área: alergoloxía, análises clínicas, anatomía patolóxica, anestesioloxía e reanimación, anxioloxía e cirurxía vascular, aparello dixestivo, cardioloxía, cirurxía cardiovascular, cirurxía ortopédica e traumatoloxía, cirurxía torácica, cirurxía xeral e do aparello dixestivo, dermatoloxía médico cirúrxica e venereoloxía, endocrinoloxía e nutrición, farmacia hospitalaria, hematoloxía e hemoterapia, medicina do traballo, medicina física e rehabilitación, medicina intensiva, medicina interna, medicina nuclear, medicina preventiva e saúde pública, microbioloxía e parasitoloxía, nefroloxía, neurocirurxía, neurofisioloxía clínica, neuroloxía, obstetricia e xinecoloxía, oftalmoloxía, oncoloxía médica, otorrinolaringoloxía, pediatría e as súas áreas específicas, pneumoloxía, psicoloxía clínica, psiquiatría, radiodiagnóstico, radiofísica hospitalaria, reumatoloxía, uroloxía e xeriatría.

No que atinxe ás 6 categorías persoal técnico sanitario, convócanse un total de 315 prazas. Nomeadamente, 86 nas especialidades de farmacia, 104 na de laboratorio de diagnóstico clínico, 63 de imaxe para o diagnóstico, 10 en hixiene bucodental, 41 ne anatomía patolóxica e citoloxía, e 11 para radioterapia.

Nestas probas resultaron admitidos, con carácter definitivo un total de 8.812 aspirantes, dos cales 3.780 corresponden a persoal licenciado sanitario e 5.032 ás categorías de persoal técnico sanitario.

O 19,89 % das persoas aspirantes inscritas deberán realizar a proba de lingua galega, ao non resultar exentas de dito exercicio, por non estar en posesión do Celga ou certificado acreditativo do coñecemento de galego correspondente.

Exercen o seu dereito á promoción interna, solicitando participar por esta quenda de acceso, un total de 288 aspirantes, todos eles profesionais do Servizo Galego de Saúde, con vinculación fixa que están a desenvolver as súas funcións noutra categoría profesional do mesmo ou inferior nivel de titulación. Tamén resultaron admitidos un total de 226 persoas aspirantes pola vía de acceso de discapacidade xeral.

As listas coa relación definitiva de admitidos e excluídos, así como e os aspirantes exentos do exercicio de lingua galega, atópanse publicadas na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a aspirante en Fides/expedient-e, no apartado de “Procesos”.

Dun xeito engadido, habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación.

Previsión de realización dos exercicios e protocolo de actuación covid-19

Está previsto que os exercicios da fase de oposición para o acceso a estas categorías se realicen no período comprendido entre o 15 de setembro e o 31 de outubro deste ano. Para garantir as máximas condicións de seguridade durante o desenvolvemento das probas, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas elaborou un protocolo de actuación covid que conta co informe favorable da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Deste xeito, implementaranse as seguintes medidas organizativas que contribuirán a unha maior axilidade no desenvolvemento das probas e a unha redución do contacto interpersoal. Entre outras: a supresión do chamamento dos aspirantes no exterior do recinto de realización das probas; o acceso de xeito escalonado e por tramos horarios; o emprego de códigos QR, que o aspirante poderá obter a través de Fides/expedient-e e que deberá imprimir para a súa presentación no lugar de desenvolvemento dos exercicios, así como a posibilidade de contar cun certificado de asistencia -a través do Fides-, logo de finalizados os tempos de exame

Así mesmo, no lugar de realización das probas habilitaranse espazos diferenciados, con medidas de protección e seguridade reforzadas, para as persoas de especial vulnerabilidade, como poden ser inmunodeprimidos, embarazadas, ou aquelas persoas que por razóns médicas xustificadas non poidan usar máscara ou deban inxerir alimento durante o desenvolvemento dos exercicios así como nos supostos de lactación materna.

No apartado de medidas hixiénico-sanitarias, en execución deste protocolo garantirase unha separación entre aspirantes en cada un dos postos de exame de entre 3 e 5 metros, facilitarase a cada aspirante e persoal colaborador que interveña nos labores de vixilancia un kit de 3 máscaras cirúrxicas, de uso obrigatorio, co obxecto de que procedan á súa renovación antes do inicio das probas, así como se porá á súa disposición xeles hidroalcólicos para unha correcta desinfección das mans.

As normas de funcionamento dos tribunais acordadas pola Mesa Sectorial de Sanidade así como o protocolo de medidas organizativas e hixiénico-sanitarias, derivadas da pandemia, están a disposición das persoas interesadas na páxina web do Servizo Galego de Saúde, na sección de emprego público.

Imaxes relacionadas