A Xunta apoiará este ano a preto de 2.500 mulleres en situación de vulnerabilidade a través de programas de atención especializada

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe no Parlamento que o Goberno galego concederá este ano axudas por valor de 1,4 millóns de euros a 84 entidades de iniciativa social para realizar programas específicos

Estes apoios autonómicos van dirixidos, entre outras, a mulleres vítimas de violencia de xénero, inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas, vítimas de explotación sexual-laboral, reclusas ou ex-reclusas, con discapacidade ou pertencentes a unha minoría étnica

A Xunta destinou a esta iniciativa máis de 13 millóns de euros desde 2009, o que permitiu atender a case 60.000 mulleres a través de 682 programas

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta investirá en 2021 un total de 1,4 millóns de euros para apoiar a preto de 2.500 mulleres en situación de vulnerabilidade a través das axudas da Secretaría Xeral da Igualdade destinadas este ano a 84 entidades de iniciativa social para poñer en marcha programas específicos e recursos integrais de atención especializada. Lorenzana indicou que esta iniciativa do Goberno galego permitiu desde 2009, a través dun financiamento de máis de 13 millóns de euros, atender a case 60.000 mulleres e desenvolver 682 programas neste ámbito.
Lorenzana explicou que este plan de axudas que cada ano deseña a Xunta busca fomentar a igualdade de oportunidades para as mulleres a través de instrumentos que afondan na promoción dunha maior autonomía e independencia. A orde de apoios artéllase en dous programas de recursos integrais específicos: para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de tres anos en situación de risco de exclusión social; e para a atención personalizada de mulleres en situación de especial vulnerabilidade.
En concreto, as axudas van dirixidas, entre outras, a vítimas de violencia de xénero; inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas; vítimas de explotación sexual-laboral en redes de prostitución ou de trata; pertencentes a unha minoría étnica; dependentes do consumo de substancias tóxicas ou en procesos de rehabilitación; perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións similares; mulleres con discapacidade; ou reclusas ou ex-reclusas.
A través dos programas que activan as entidades de iniciativa social desenvólvense, tal e como apuntou a conselleira, servizos que promoven a inclusión social de atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación intercultural e familiar e formación para a adquisición de habilidades que melloren a súa empregabilidade e asesoramento persoal, social e laboral.
A titular de Emprego e Igualdade valorou o papel das asociacións que prestan atención directa ás persoas en situación de vulnerabilidade e sinalou outro tipo de programas que financia a Xunta neste campo como son os apoios para a realización de actuacións con cargo ao 0,7% do IRPF para a realización de itinerarios personalizados que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres vítimas de violencia de xénero; ou proxectos de atención integral para mulleres en situación de explotación sexual e vítimas de redes de trata de seres humanos.
Lorenzana, así mesmo, referiuse aos convenios que a Consellería de Emprego e Igualdade asina con diferentes tipos de entidades representantes do tecido asociativo de Galicia para, entre outros, a intervención de mulleres migrantes e vítimas de explotación sexual entre os que nomeou a colaboración que se mantén coa Rede galega contra a trata ou coa Fundación Juan Soñador para desenvolver o proxecto Malaikas de empoderamento de mulleres migrantes. Por último, destacan tamén os convenios coa Fundación Secretario Gitano, coa Asociación Acadar para o asesoramento a mulleres con discapacidade ou o convenio que se asinará con Proxecto Home para a intervención con mulleres con adiccións.

Imaxes relacionadas